Friday 22 de November de 2024

A rexeneración da fachada marítima da Ribeiriña culminará nas vindeiras semanas


A supresión de elementos con impacto negativo na paisaxe e contribuír á posta en valor da fachada marítima da Ribeiriña motivaron as obras de rexeneración nos terreos de dominio público marítimo terrestre concesionados no seu día ás fábricas La Onza de Oro e Hadasa; unha intervención iniciada na primavera do pasado ano trala recuperación desta superficie por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e que concluirá nas vindeiras semanas..

Para lograr reverter ao seu estado natural unha área de aproximadamente 5.500 metros cadrados, procedeuse coa demolición da explanada, escolleras e ramplas. A maiores, integrouse na paisaxe unha senda litoral como transición entre a costa e os núcleos de vivendas próximos.

O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, e a concelleira das Obras, Patricia Lojo, acompañaron á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e ao xefe da Demarcación de Costas, Carlos Gil, na supervisión desta actuación financiada con 800.000 euros procedentes dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Rivas explicou que este proxecto se suma á posta en marcha do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Barbanza-Arousa e do Destino Turístico Intelixente para os concellos que integran o ente supramunicipal. Durante a súa visita, a subdelegada do Goberno tamén fixo fincapé na necesidade de “apoia-los municipios, especialmente os máis pequenos, na mellora dos seus servizos e infraestruturas para frea-la perda de poboación e para garantir aos seus habitantes un futuro coas mesmas oportunidades para todos e todas.”

Pola súa parte, o rexedor indicou que esta acción focalizada na rexeneración de espazos ambiental e visualmente degradados redunda tamén positivamente na seguridade ao adecua-la zona. Trátase, polo tanto, dunha intervención executada polo goberno central na Ribeiriña que se suma a outras promovidas nos últimos anos polo Concello como, por exemplo, o acondicionamento da contorna do centro sociocultural, por un importe de 47.314 euros, ou a segunda fase da reforma integral do Camiño Real, por 81.910’76 euros, quedando aínda pendentes a primeira e terceira parte debido á complexidade das tramitacións. No que respecta á nave de Hadasa, Vidal remarcou que a Administración local opta polo derribo da estrutura, polo que se continúa traballando neste eido.

No seu desprazamento á localidade, a subdelegada tivo ocasión de asinar no libro de honra do Concello e recibiu unha dorna de cerámica como agasallo instituional.