Saturday 16 de November de 2024

O Quiosco Alfonso acolle a exposición ‘Oitenta e un anos e un lapis na man’ de Siro López


Inés Rey: “Esta non é unha exposición humorística senón unha recompilación e alegoría a toda unha vida dedicada á arte”

A mostra recolle máis de 150 obras do artista divididas en 13 apartados, entre os que destacan os espidos e os retratos xunto coa liña expresionista

A alcaldesa, Inés Rey, interveu esta tarde na apertura daexposición ‘Oitenta e un anos e un lapis na man’ sobre a traxectoria do artista Siro López, que contou coa presenza do propio autor así como de diferentes personalidades do tecido cultural. A rexedora lembrou que Siro López xa expuxera no Quiosco Alfonso no 1989, fai 35 anos. “O noso Siro abre hoxe a súa segunda exposición neste Quiosco e faino nada máis e nada menos que 46 anos despois. Como non, cun lapis na man, tal e como sempre se definiu” sinalou a alcaldesa.

Rey destacou a importancia da exposición na súa dimensión autonómica, como un relato de país feito baixo a mirada do artista. “En Siro viven hoxe dende Yolanda Castaño ao cura Paco, pasando por Antonio Tenreiro ou Lois Pereiro e tamén Blanco Amor e Lorca ou Picasso”, explicou. A mostra está dividida en 13 apartados de acordo con diferentes técnicas ou influencias de Siro López ao longo da súa traxectoria artística. Recóllense autorretratos, obras de fantasía, paisaxes e bodegóns, caricaturas e obras de humor gráfico.

Siro explicou que a antolóxica exposición (1970 – 2024) mostra toda a obra que realizou máis alá da caricatura política, presente na mostra a través de pantallas. “Debuxei unhas 6.000 caricaturas pero ningunha está nas paredes do Quiosco. As paredes necesítoas para mostrar os retratos, as paisaxes, os espidos, as fantasías que fun facendo con todas as técnicas, incluído o Ipad, sempre na procura dun estilo persoal” explicou.

Un compendio de máis de 150 obras entre as que destacan os espidos e os retratos de autores coma Eduardo Blanco-Amor, Picasso ou Ramón Piñeiro xunto coa liña expresionista de Siro López, pouco coñecida polo público xeral. A mostra tamén recolle algunhas esculturas, entre elas dúas réplicas en bronce correspondentes ás figuras de Castelao e Cunqueiro da praza do Humor.

Rey concluíu reivindicando a esencia de Siro, facéndoo un artista único: “Siro ten algo que non é tanxible nin visible, senón todo o contrario, un espírito humorístico único que se converte en colectivo ao identificarnos a tantos galegos e galegas coa súa retranca” explicou.