O executivo liderado por José Manuel Mato logrou a aprobación do Plan Estratéxico de Subvencións coa unanimidade de todo o pleno municipal
O documento permite ás entidades planificar o seu futuro a medio e longo prazo con subvencións nominativas e abre unha ampla liña de acceso por libre concorrencia
As asociacións e entidades do Concello de Ponteceso xa teñen, a inicios do 2024, as súas subvencións aseguradas ata o ano 2027. O executivo local, liderado polo alcalde José Manuel Mato, foi quen de aprobar no pleno extraordinario celebrado a inicios deste mes o Plan Estratéxico de Subvencións (PES). Fíxoo co apoio do resto de grupos políticos, que entenderon como unha medida positiva o garantir xa a medio e longo prazo as partidas destinadas ás entidades.
En total, o Concello de Ponteceso ten xa planificado un investimento de 345.600 euros repartidos en tres anualidades. É dicir, 115.200 euros por ano, contando tanto as subvencións nominativas (45.200 euros ao ano), as de libre concorrencia (58.000 euros) e as de concesión directa (12.000 €).
Por unha banda, o goberno municipal reservou unha cantidade de 170.000 euros nos orzamentos deste ano para facer fronte aos pagos das subvencións nominativas do PES 2024-2027. Trátase dun 2,60% do importe total das contas previstas en canto a gastos que se reservan xa para as vindeiras anualidades.
Concretamente, son oito as asociacións ou entidades que entran no Plan Estratéxico de xeito nominativo, co fin de minimizar as desigualdades que existirían de solicitar todas elas a axuda a través da libre concorrencia, xa que a través dese proceso ponderarían moito máis.
O Ponteceso SD e a SDCF Corme recibirán unha subvención nominativa de 13.000 euros por ano. Mentres, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil contará con 12.000 euros en concepto de subvención para facer fronte á súa actividade.
Ademais, a Fundación Eduardo Pondal disporá de 6.000 euros cada ano a través desta partida. Por último, as ANPAs do CEIP As Forcadas, do CRA Virxe do Faro, do CEIP Eduardo Pondal e do Instituto de Ensino Secundario de Ponteceso levarán 400 euros cada unha.
Máis liñas de axuda
A maiores, o Concello de Ponteceso ofrece tamén un apartado para repartir 58.000 euros anuais por libre concorrencia. En concreto, 25.000 euros ao ano repartiranse entre o tecido asociativo cultural do municipio co fin de “favorecer a iniciativa cidadá para o desenvolvemento de eventos de natureza cultural”.
As comisións de festas optarán a unha liña cunha bolsa de 18.000 euros anuais para potenciar as iniciativas de organización de “diversas actividades de ocio e tempo libre”. Por último, hai previstos 15.000 euros para as asociacións deportivas, co obxectivo estratéxico de “contribuír ao fomento das entidades deportivas municipais”.
Por último, a primeira área deste PES está enfocada cara as Axudas de Emerxencia Social. A partires dun orzamento de 12.000 euros anuais -que se pode ampliar en función da dispoñibilidade orzamentaria-, o Concello de Ponteceso farase cargo dos gastos de situación de emerxencia social das familias usuarias do departamento de Servizos Sociais, que precisan “dunha resposta urxente e inmediata ante necesidades de carácter primario”.
“Apostamos por un ambicioso plan de axudas para fomentar as actividades do noso tecido asociativo sen deixar a ninguén atrás. Con esta importante partida, aportamos tranquilidade e estabilidade ás asociacións e entidades”, apunta o alcalde do Concello de Ponteceso, José Manuel Mato. “Por unha banda, as nominativas permiten ás entidades planificar a futuro sabendo con seguridade non só que recibirán subvencións, senón a cantidade exacta. Por outra banda, coa liña de libre concorrencia ábrese un amplo abano para que todas as entidades do noso concello poidan optar de xeito libre e transparente a recibir financiamento en función da súa actividade”, expresou.