O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Santiago unha xuntanza con 9 dos mozos que recibiron unha beca da Xunta para mellorar a súa capacitación
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Santiago unha xuntanza cun grupo de bolseiros que se formaron e realizaron prácticas no eido da internacionalización en diferentes países ao longo de 2014 e 2015 a través dun programa do Igape.
En concreto, o titular de Economía recibiu a 9 dos 17 mozos e mozas que participaron nesta iniciativa, que ten como principal obxectivo mellorar a súa capacitación en materia de internacionalización empresarial mediante formación teórica e práctica. A finalidade última é que estes mozos e mozas podan ofrecer, ao seu regreso a Galicia o coñecemento adquirido para axudar ás empresas a mellorar a súa competitividade e avanzar na súa internacionalización.
Todos os participantes recibiron un período de formación intensiva no Igape durante 4 meses que incluíu presentación de sectores, visitas a empresas e xornadas informativas, ao tempo que puideron coñecer aos diferentes clústers e asociacións empresariais, entre outras actuacións. Na súa formación participaron tamén na elaboración de diagnósticos.
As prácticas, que duraron sobre 20 meses, se realizaron en Berlín, Bogotá, París, México, Río de Xaneiro, Casablanca, Moscú, Shangai, Miami, Londres, Ottawa, Mumbai, Lima, Dubai e Galicia. Os bolseiros, que traballaron nas oficinas Pexga, Ofcomes e cámaras de comercio no exterior, levaron a cabo actividades de internacionalización, exportación e análise de mercado.
Conde, tras avaliar a formación que recibiron e as prácticas que estes mozos e mozas realizaron, lembrou que a nova convocatoria deste ano, dun total de 100 prazas para a capacitación de mozos profesionais no eido da internacionalización, xa está en marcha, con 60 bolsas e 40 prazas de xestores de internacionalización. A Xunta investirá nesta actuación 3 millóns de euros para 2016, fronte aos 600.000 euros da pasada convocatoria. As bolsas estarán dotadas de 11.800 euros brutos anuais, que pode ascender ata os 32.000, segundo o país de destino. A formación teórica durará un mínimo de 140 horas e a práctica será de 12 meses con posibilidade de prórroga dun ano.
O titular de Economía ratificou a súa aposta por seguir formando a mozos e mozas “mellorando a súa empregabilidade e dotando ás empresas galegas de profesionais cualificados”. Tamén animou aos bolseiros a seguir tomando parte nesta iniciativa “para que podades coa vosa experiencia seguir colaborando co Igape para axudar a futuros bolseiros”, subliñou. Así mesmo, invitou aos mozos e mozas a coñecer as actuacións do Igape no eido da internacionalización “para que podades implicarvos nelas e difundilas”, concluíu.
Esta actuación enmárcase na Estratexia de Internacionalización da Emprega Galega, que está a desenvolver a Xunta co fin de manter o bo ritmo exportador da Comunidade. As exportacións galegas medraron nun 10% o pasado outubro en comparación co mesmo mes do ano anterior, sendo a terceira Comunidade autónoma que alcanza a mellor cifra do Estado. Segundo os últimos datos feitos polo Ministerio de Economía e Competitividade, entre xaneiro e outubro de 2015 as exportacións galegas subiron un 4,9% con respecto ao mesmo período do ano anterior ata superar os 15.775 millóns de euros. Así, Galicia está a protagonizar o mellor ciclo exportador da súa historia.