No Pleno Ordinario do luns 29 de xaneiro, o Concello aprobou a expropiación de dous terreos afectados polo proxecto da Senda peonil en Coroso tras determinar o prezo xusto dos mesmos en 2105,02 euros e 579,16€ respectivamente.
Así mesmo, aprobouse o proxecto corrixido das obras dos vestiarios campo de fútbol de Oleiros e a remisión do mesmo á Deputación Provincial da Coruña, incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e servizos de Competencia Municipal POS+2023, para poder proceder á súa licitación.
Aprobación da participación no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal POS+2024 da Deputación da Coruña. Os investimentos aprobados son a ampliación da liña de auga na rúa Río Azor; cun orzamento de 115.498,47 euros, a pavimentación do camiño do Vilar-Vixán en Carreira; cun orzamento de 106.500,53 euros, a liña de pluviais e pavimentación nas rúas Revolta e Fonseca de Castiñeiras; cun orzamento de 112.109,07 euros, a renovación da rede de abastecemento na rúa da Cerca en Aguiño; cun orzamento de 174.672,94 euros, a rede de saneamento e abastecemento en Arribas (Artes) cun orzamento de 98.921,36 euros, ampliación da rede de abastecemento na estrada DP-7304 en Olveira; cun orzamento de 36.593,20 euros, renovación de servizos e pavimentación na rúa canaval de Corrubedo; cun orzamento de 45.308,12 euros, e a pavimentación do camiño en Os Muiños (Oleiros); cun orzamento de 53.275,56 euros.
“O Concello está destinando máis de 700.000 euros para mellorar a pavimentación e estender a rede de saneamento e auga potable a aquelas vivendas que hoxe carecen destes servizos esencias” afirmou o alcalde Luís Pérez. “Propoñemos unha obra por parroquia para dotar e ampliar os servizos básicos fundamentais en todo o municipio.”
A concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, destacou a necesidade de “adicar máis de 372.000 euros do POS+2024 a gasto corrente para aliviar as contas do Concello debido ao gasto enorme de obra pública comprometida polo anterior goberno que está tensionando as arcas municipais na actualidade. Un gasto que poderiamos ter adicado a outras obras que nos demanda a veciñanza”. Pola súa parte, o concelleiro Xabier Vidal, explicou que existe “unha débeda de máis de 13 millóns de euros á que debemos facer fronte” mais reafirmou o seu compromiso de “seguir priorizando aquelas actuacións que garantan a calidade de vida de toda a veciñanza.”
O Pleno tamén aprobou a participación no POS+ Adicional 1/2024 da Deputación Provincial da Coruña para o financiamento de gastos sociais extraordinarios, no que se contempla a ampliación do servizo de axuda no fogar (SAF), cun gasto total de 1.050.000 euros.