Saturday 16 de November de 2024

Feijóo anuncia catro programas de axudas a empresas que mobilizarán, en conxunto, preto de 100 millóns de euros


Afirma que canto máis robusto sexa o noso tecido produtivo, máis se consolidará a nosa recuperación económica e máis empregos crearemos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe catro dos programas de axudas que o Goberno galego porá á disposición das empresas galegas ao longo do 2016. Trátase dunha “batería de iniciativas a prol da mellora da competitividade das nosas empresas” na que a Xunta investirá directamente 22 millóns de euros e que mobilizará preto de 100 millóns.

O presidente lembrou que canto máis robusto sexa o noso tecido produtivo, máis se consolidará a nosa recuperación económica e máis empregos se crearán e explicou polo miúdo os catro programas: Galicia Inviste, Galicia Emprende, as axudas a proxectos piloto de Fábrica 4.0 e os programas de financiamento de circulante.

Galicia Inviste
Galicia Inviste destina 12 millóns de euros a proxectos de investimento en obra civil e maquinaria, amais doutros bens de equipamento, para crear un novo establecemento ou ampliar un xa existente. Tamén apoia proxectos cun alto potencial de creación de emprego directo e indirecto.

Segundo Feijóo, prevese que o Galicia Inviste mobilice en 2016 50 millóns de euros, que axude a manter entre 3.000 e 4.000 empregos e a crear entre 500 e 600 novos. Como novidade, ademais, nesta convocatoria de axudas ás pemes redúcese o investimento mínimo, que pasa a ser de 50.000 euros fronte aos 200.000 anteriores.

Feijóo destacou que, entre 2009 e 2014, os programas de apoio a grandes investimentos do Igape facilitaron 239 proxectos, que mobilizaron máis de 670 millóns de euros e axudaron a crear ou manter 18.255 empregos.

Galicia Emprende
O segundo dos programas de axudas, Galicia Emprende, permite cubrir investimentos máis pequenos, de entre 25.000 e 500.000 euros, que realicen empresas novas ou recén establecidas. Son subvencionables ao abeiro desta liña de axudas a obra civil, bens de equipo, outros activos fixos mobiliarios, activos inmateriais, gastos de aprovisionamento ou de I+D, e canon fixo de franquías no primeiro ano, así como gastos de alugueiro de inmobles.

Tanto en Galicia Inviste como en Galicia Emprende poderá ser subvencionado o 35 por cento do investimento dunha pequena empresa e o 25 por cento si se trata dunha mediana empresa.

Segundo Feijóo, destínase a esta convocatoria de Galicia Emprende 3,7 millóns de euros, o que multiplica por sete os fondos que se lle destinaron o ano pasado: 500.000 euros. Indicou tamén que se prevé que impulse a creación de 200 novos empregos. Desde 2009, Galicia Emprende apoiou a creación e mantemento de 574 postos de traballo en 240 proxectos diferentes.

Fábrica 4.0
En terceiro lugar, a Xunta axudará a impulsar catro proxectos demostrativos de fábrica intelixente que presenten os clusters ou asociacións sectoriais. Deste xeito, poderán beneficiarse das axudas unhas 50 empresas galegas.

A dotación conxunta da convocatoria é de 4 millóns de euros, e a subvención máxima por proxecto será de un millón. Esta inclúe ademais un concurso de ideas con premios de 25.000 euros aos clusters ou organismos promotores dos mellores proxectos a desenvolver en cada grupo de empresas.

Son subvencionables investimentos materiais ou inmateriais (incluíndo software) relacionados co concepto Fábrica do Futuro segundo a Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0.

Financiamento de circulante
Por último —informou Feijóo—, continúase apoiando ás nosas empresas máis pequenas nunha das tarefas que máis dificultades lles supoñen: a captación de circulante. Con este cometido existen dúas liñas con diferentes destinatarios. A primeira é a que se orienta ao sector lácteo, ao que diriximos 1,6 millóns de euros nas últimas semanas. Cada explotación poderá dispoñer dun máximo de 200.000 euros destes préstamos con xuro cero.

A segunda das iniciativas, neste caso dirixida ás pemes, é o programa Resolve, que achega préstamos bonificados de entre 3.000 e 150.000 euros. Entre 2009 e 2015 aprobáronse case 3.000 solicitudes dun destes préstamos, que mobilizaron conxuntamente máis de 97 millóns de euros. En ambos os dous casos, estes préstamos de circulante poderán devolverse un prazo de ata 7 anos, incluíndo dous de carencia.