Algo máis de 200 persoas déronse cita este sábado pola tarde no pavillón municipal do Forte de Boqueixón para participaren nunha Zumba Class Solidaria, unha iniciativa organizada polo Concello de Boqueixón diante do éxito acadado pola primeira edición no ano 2023. Un evento que este ano contou coa novidade dunha exhibición de zumba kids, a través de Priscilla Dance.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, agradeceu a colaboración solidaria dos veciños e veciñas do municipio, que achegaron numeroso material de hixiene persoal e do fogar. Esta colaboración formaba parte da “entrada” que achegaban as persoas que querían participar nesta actividade, que reuniu a un público de moi diferentes idades e que desfrutaron coas distintas coreografías preparadas para a ocasión.
Unha iniciativa dirixida por media ducia de monitores de zumba, procedentes tanto de Boqueixón como doutros centros da contorna, que levaban nos seus equipamentos deportivos a lenda: “Concello de Boqueixón. Movéndonos co deporte”. A masterclass de Zumba tivo lugar durante dúas horas nas instalacións do pavillón municipal do Forte, onde se reuniu un público de moi diferentes idades, que desfrutou dunhas coreografías cuns niveis adaptados a cada idade.
Deste modo, o Departamento de Deportes do Concello de Boqueixón colle o relevo dun grupo de persoas usuarias da actividade de zumba nas Escolas Deportivas municipais, que o ano pasado convocaron esta Zumba Class Solidaria.