Friday 22 de November de 2024

A Xunta completa a modificación no planeamento que permitirá a ampliación do parque empresarial da Laracha


Suelo Empresarial del Atlántico, como promotora do polígono industrial, xa está en disposición de levar a cabo o proxecto concreto de ampliación.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado xoves a resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) pola que se fixo pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia. A resolución é de especial relevancia para o Concello dado que dito Plan inclúe a ampliación do parque empresarial da Laracha.

A superficie do polígono industrial poderase incrementar en 332.836 metros cadrados nunha delimitación anexa á actual zona empresarial polo linde norte, nuns terreos de topografía chan e uso maioritariamente forestal. Isto posibilitará o aproveitamento da estrada norte do propio polígono, que fará de vía de acceso e soporte de infraestruturas de servizo á futura ampliación co conseguinte aforro nos custos de urbanización.

O Concello aplaude esta resolución do IGVS xa que a actual ocupación do parque empresarial da Laracha, que supera o 82 %, pon de manifesto a necesidade de ampliar a superficie industrial para atender a demanda e facilitar que as empresas teñan a posibilidade de acceder ao solo industrial para implantarse, investir e xerar actividade económica e postos de traballo no termo municipal da Laracha.
Agora que desde a Xunta de Galicia se completou a tramitación administrativa referida á modificación no planeamento, a promotora do polígono industrial da Laracha, Suelo Empresarial del Atlántico S.L. -empresa participada nun 83,44 % polo Goberno de España- está en disposición de levar a cabo o proxecto concreto de ampliación, incluíndo a obtención dos terreos, a urbanización e, por último, a comercialización das parcelas para usos industriais.