● O goberno local levará hoxe a pleno a proposta para a súa aprobación.
● No Plan Complementario incluíronse cinco proxectos que suman 496.634,79 euros.
O Concello de Camariñas levará hoxe, luns 29 de xaneiro, a pleno a aprobación do Plan Único 2024 da Deputación da Coruña polo que se destinarán un total de 356.348,88 euros para ampliar e reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal, reparar a cuberta da Casa do Mar de Camelle e facer fronte a gastos correntes.
Así, por unha banda, o goberno local decidiu ampliar e reforzar o SAF cos 49.394,89 euros que lle corresponden do Plan Único Social, que se creou para sufragar gastos sociais extraordinarios.
Pola outra, a asignación do Plan Único 2024 de cooperación ás obras e servizos para o Concello de Camariñas suma un total de 306.953,99 euros, dos que 172.882,13 euros serán para financiar gastos correntes, e 134.071,86 euros para investimentos. Neste último epígrafe inclúese o proxecto para a reparación da cuberta da Casa do Mar de Camelle.
Plan Complementario 2024
Ademais, tamén se leva a pleno a aprobación do Plan Complementario 2024, valorado en total en 496.634.79 euros, e que se destinará a cinco proxectos: reparación do pavimento na rúa Carreira, construción de senda peonil a Lingunde Fase 2, arranxo e mellora de rúas no lugar de Santa Mariña, arranxo das rúas Fonte e Xunqueira e melloras na rede de saneamento en Ponte do Porto, Humanización das rúas Alcalde Noguera Patiño e Médico Tomas Artaza.