San Sadurniño estreará este martes o calendario plenario de 2024 coa sesión ordinaria do mes de xaneiro. A parte resolutiva estará centrada na exposición e votación do reparto dos fondos do Plan Único provincial. Os fondos fixos, algo máis de 422.000 euros, irán a tres actuacións sobre a rede viaria, a gasto corrente e a gasto social. A maiores tamén se propoñen outros 427.000 euros noutros seis proxectos susceptibles de ser executados cos plans adicionais que saque a Deputación da Coruña nos próximos meses. A orde do día recolle, ademais, unha moción rexistrada polo representante do PSdeG-PSOE antes da convocatoria na que se solicita o apoio do Concello á manifestación convocada para o domingo pola plataforma SOS Sanidade Pública.
A plataforma integrada por cidadanía, profesionais sanitarios, colectivos e tamén municipios -da que o Concello de San Sadurniño tamén forma parte- denuncia o “desmantelamento” do sistema sanitario público galego citando, entre outras eivas, as longas listas de espera, o colapso das urxencias hospitalarias, a falla de profesionais ou o recurso á atención telefónica en detrimento das consultas presenciais.
Neste sentido, e como continuación das mobilizacións dos últimos meses, SOS Sanidade Pública lanzou a convocatoria dunha manifestación o próximo domingo en Santiago con 13 demandas moi concretas relacionadas co incremento do investimento sanitario, unha maior dotación de persoal -especialmente en medicina familiar, pediatría e enfermaría-, a aprobación dun Plan de Saúde Mental consensuado, o reforzo da atención primaria e outras medidas organizativas que acaben cunha situación cualificada pola plataforma como “aberrante e inaceptable”.
A moción, presentada nos días previos á convocatoria do pleno, será un dos asuntos que se debatan en primeiro lugar na sesión deste martes, que comezará ás 19:30h e que poderá seguirse ao vivo a través de youtube. A continuación tratarase a proposta de distribución do POS+ da Deputación -xunto coa solicitude formal dos programas-, que comprende 422.000 euros para tres proxectos na rede viaria, gasto corrente e gasto social, así como outros 427.000 referidos a aglomerados de pistas e á extensión do saneamento ao núcleo de Silvalonga.
Ao tratarse dun pleno ordinario tamén incorpora un último apartado destinado a rogos e preguntas, así como a posibilidade de que se achegen máis mocións por vía de urxencia.