Friday 22 de November de 2024

A Xunta executa actuacións de limpeza nos treitos inteurbanos dos ríos Brexa e Mero ao seu paso polo concello de Cambre


― As intervencións no río Brexa estanse a desenvolver no percorrido polo lugar do Muíño do Vilar, nunha lonxitude que suma preto de 235 metros

― En relación ao río Mero, os traballos acométense ao longo dun tramo de máis de 900 metros, nas parroquias de Cecebre e de Bribes

― As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

― O obxectivo destas intervencións é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Brexa e Mero, no concello de Cambre.

No que se refire ao río Brexa, estas intervencións estanse a desenvolver no percorrido deste río polo lugar do Muíño do Vilar. As actuacións que se están a acometer desenvólvense nunha lonxitude de preto de 235 metros.

En relación ao río Mero, os traballos acométense ao longo dun tramo de máis de 900 metros, nas parroquias de Cecebre e de Bribes.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos, co fin de que os ríos queden despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.

Os traballos contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.