Friday 22 de November de 2024

A Coruña, única parada en Galicia da banda de rock estadounidense Swans, que actuará no Teatro Colón o vindeiro 19 de febreiro


O grupo neoiorquino volve á cidade herculina case sete anos despois, tras a súa actuación no Festival Noroeste Pop Rock

As entradas xa están á venda. Pódense adquirir a través da páxina web de Ataquilla, así como nos despachos de billetes do Teatro Colón e do IMCE

A banda de rock experimental Swans fará parada na Coruña o vindeiro 19 de febreiro (20.00 horas) cun concerto no Teatro Colón, na que será a única actuación en Galicia do grupo estadounidense ao abeiro da súa xira europea, que tamén inclúe datas en Madrid e Barcelona.

Swans, con catro décadas de percorrido tras de si, formouse no ano 1982 baixo o liderado do cantante, compositor e multiinstrumentista Michael Gira. Desde os seus comezos, Swansfoi un dos poucos grupos que xurdiron da escena new-wave neoiorquina e ficaron intactos ata a década seguinte, explorando e abríndose camiño a nivel sonoro en xéneros como o noise-rock, o post-punk, o industrial e o post-rock.

Nesta ocasión, a banda americana, integrada por Michael Gira, Dana Schechter, Larry Mullins, Phil Puleo, Christopher Pravdica e Kristof Hahn, presentará o seu novo e aclamado álbum ‘The Beggar’ (2023). Na súa actuación na Coruña, Swans contará coa compositora sueca Marie W. Horn como abreconcertos. Horn, artista especializada no uso dunha instrumentación variada, traballa tanto con sintetizadores analóxicos como coros, instrumentos de corda e formatos de música de cámara.

O concerto enmárcase na ampla programación musical ofertada polo Goberno de Inés Rey, que inclúe a artistas internacionais de primeiro nivel e tamén reflicte unha importante aposta por artistas locais e galegos.

A venda de entradas, habilitada por vía telemática e presencial

As entradas para asistir ao concerto de Swans na Coruña xa están á venda. Poden adquirirse a través da páxina web de Ataquilla, así como nos despachos de billetes do Teatro Colón e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE).

O custo dos pases vai dos 26 aos 32 euros, en función da localización escollida. Haberá descontos do 20% para persoas con Carné Xove, familias numerosas, maiores de 65 ou en situación de desemprego.

A primeira estadía de Swans na Coruña, no Festival Noroeste Pop Rock

O concerto de Swans previsto o 19 de febreiro na Coruña suporá o seu regreso á cidade herculina case sete anos despois da súa actuación no Teatro Rosalía de Castro, onde amosou toda a súa intensidade e forza. Foi no verán de 2017, cando a banda estadounidense actuou no Festival Noroeste Estrella Galicia, sendo unha das agrupacións que formaron parte do ciclo Selección Noroeste.

A actuación de Swans na Coruña forma parte da ampla programación cultural e de ocio establecida polo Goberno de Inés Rey de cara a este ano 2024 na cidade, que busca reforzar a posición da cidade como punto de referencia no noroeste do país en canto á programación de grandes eventos musicais.