Friday 22 de November de 2024

O Concello completa os traballos de instalación da nova rede de saneamento na rúa Ana María Mogás Fontcuberta, no barrio da Zapateira


En paralelo, o servizo municipal de Infraestruturas avanza nas obras de renovación dos colectores de augas fecais na rúa Bugallal Marchesi, en Elviña. A previsión é que esta actuación remate a vindeira semana

O Concello da Coruña completou esta semana os traballos de instalación da nova rede de saneamento na rúa Ana María Mogás Fontcuberta, no barrio da Zapateira, unha intervención dividida en dúas fases e á que o Goberno de Inés Rey destinou un investimento de 251.657,33 euros.

Na primeira fase da actuación, de algo máis de 190 metros, acometeuse a renovación do tramo da rede de saneamento xa existente no sector sur da rúa Belgrado —pola súa antigüidade— e a rúa Frankfurt, ambas as dúas lindeiras co CPR Franciscanas. Neste sentido, e dado que para continuar as obras era necesario acometer cortes de tráfico na rúa Ana María Mogás Fontcuberta, o servizo municipal de Infraestruturas efectuou un parón temporal durante o mes de maio de 2023 para facilitar o acceso dos vehículos de transporte escolar nas últimas semanas do pasado curso educativo.

Os traballos retomáronse xa durante a tempada estival, co obxectivo de lle dar continuidade ao plan previsto. Iniciouse, así, a segunda fase da intervención, centrada no sector sur de Ana María Mogás Fontcuberta, chegando á confluencia coa avenida Nova York. Neste treito, e seguindo o patrón das melloras de saneamento que está a executar o Goberno de Inés Rey en todos os barrios da cidade, o Concello implementou novos colectores, de PVC e cun diámetro máis amplo, de 315 mm, reforzando a seguridade ante posibles fugas de augas.

Unha vez que se completou tamén a renovación do firme no treito afectado polas obras, só restan pequenos detalles para finalizar a intervención. Entre eles, o pintado correspondente á sinalización horizontal sobre a calzada, que se acometerá nos vindeiros días.

Avances na rúa Bugallal Marchesi, en Elviña

En paralelo aos últimos traballos en Ana María Mogás Fontcuberta, o servizo municipal de Infraestruturas está avanzando na renovación da rede de fecais na rúa Bugallal Marchesi, no barrio de Elviña.

Neste enclave, o Concello actuou no treito comprendido entre os números 10 e 12, onde se detectou a necesidade de acometer reparacións na rede, pola ruptura dun dos colectores.
Posto que as obras coincidiron en datas de choiva, o compactado do recheo na gabia foi executándose de forma progresiva e, xa esta semana, aproveitando que as condicións meteorolóxicas están sendo favorables, está previsto rematar a intervención coa reposición do pavimento, en formigón.

A previsión é que esta actuación remate a comezos de febreiro.