Explica o seu portavoz que coas obras do primeiro edificio da nova fachada de Romero Donallo está previsto o axardinamento da parcela na que se sitúa
“Non se pode prescindir desta balsa de aparcadoiro, que da servizo a diario a preto de 150 vehículos, polo que instamos a revisar o proxecto da promotora para darlle continuidade ao parking, aproveitando para integralo nunha contorna renaturalizada ” afirma.
Agora que avanzan os traballos do que será o primeiro edificio da nova fachada de Romero Donallo, no seu cruce coa Avenida de Ferrol, o Grupo Socialista pon o foco na continuidade do aparcadoiro sito entre a Avenida de Ferrol e o IES Eduardo Pondal. Segundo os socialistas, coas obras do novo edificio, está contemplado tamén o axardinamento dos 5.524 m2 da parcela contigua, a que alberga na actualidade o parking, algo que, explican, debera executarse pero mantendo o seu uso.
Na actualidade a parcela, aínda que nun estado precario, opera xa como un aparcadoiro en superficie, mais con importantes deficiencias, fochancas e maleza nas marxes. “Ademais estase a converter nun punto conflitivo para a convivencia no barrio” asegura Gonzalo Muíños, logo de recibir denuncias por parte da veciñanza da que a sinalan como unha insegura, xa que non conta con iluminación.
“Non se pode prescindir da actual balsa de aparcadoiro, que da servizo a diario a preto de 150 vehículos” explica o seu portavoz, que recalca a importancia dunha superficie situada ao carón do instituto, moi próxima tamén ao CIFP Politécnico, e que tamén é empregada a diario polos veciños e veciñas da zona.
Muíños instará no pleno do vindeiro luns a revisar este proxecto, que prevé a substitución da zona de parking por unha zona axardinada: “cremos que se poden combinar ambos proxectos, recuperar unha zona desaproveitada para o uso comunitario como contempla o proxecto da promotora e facilitando a integración dunha bolsa de aparcadoiro”.
Explica o edil socialista que da combinación de ambos plans “estaríamos acometendo a reforma do aparcadoiro, integrándoo nunha contorna renaturalizada, máis amable co espazo” ao tempo que “se mellora a mobilidade peonil na zona, salvando os actuais desniveis que existen na parcela”.