Saturday 16 de November de 2024

Catherine Deneuve e Joaquin Phoenix, entre as estrelas que protagonizan a programación de cinema de febreiro no Fórum Metropolitano


A vindeira semana comezarán dous novos ciclos de proxección nas salas Marilyn Monroe e Fernando Rey. Entre os títulos deste mes, a sueca ‘El triángulo de la tristeza’, proposta á Mellor Película nos Oscar do 2022

O Concello da Coruña, a través da Área de Fomento e Promoción da Cidade, promove o vindeiro mes de febreiro dous novos ciclos de cinema no Fórum Metropolitano, que, como xa é habitual, terán lugar nas salas de proxección Marilyn Monroe e Fernando Rey. Os ciclos de cinema forman parte da ampla programación cultural ofertada polo Gobierno de Inés Rey para os vindeiros meses na cidade.

A primeira delas acollerá o ciclo ‘Perlas de San Sebastián’, que recolle catro longametraxes aclamadas no Donostia Zinemaldia. A programación abrirase coa película sueca ‘El triángulo de la tristeza’, unha comedia dramática dirixida e guionizada por Ruben Östlund, que foi proposta aos Oscar 2022 na categoría de Mellor Película e gañou a Palma de Ouro no festival de Cannes ese ano. O intérprete inglés Harris Dickinson protagoniza o filme.

‘Benedetta’ (2021), longametraxe francesa, será a seguinte película da programación. Virginie Efira é a protagonista dunha historia ambientada na Toscana italiana do século XVII, nunha viaxe que afonda na homosexualidade dunha monxa que reside nun convento.

Tras ‘Benedetta’ virá ‘Leto’ (2018). Kirill Serebrennikov dirixe un filme que levará as e os espectadores ao Leningrado da década dos oitenta, coa música rock no seu apoxeo. Viktor Tsoï, admirador de Bowie e Led Zeppelin, buscará abrir o seu propio camiño no xénero.
A programación do ciclo pecharase coa película francesa ‘Los hermanos Sisters’. Un elenco de luxo, con Joaquin Phoenix, John C. Reilly e Jake Gyllenhaal sustenta un western nos anos da febre do ouro, e no que os dous primeiros interpretan a dous irmáns sen escrúpulos aos que se lles encarga o asasinato dun buscador de ouro.

Na sala Fernando Rey, o ciclo Europa en V.O.

En paralelo, a sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano abrirá as súas portas a un ciclo de cinema europeo en versión orixinal, que comezará a vindeira semana coa longametraxe francesa ‘Les jeunes amants’ (2021). Fanny Ardant, protagonista deste drama romántico, foi porposta aos premios César pola súa interpretación.

A programación continuará posteriormente, entre os días 8, 9 e 10 de febreiro, coa cinta húngara ‘Preparativos para estar juntos un periodo de tiempo desconocido’. A película leva o selo da cineasta maxiar Lili Horvát, que asinou esta longametraxe de intriga en clave romántica que se achega aos misterios do cerebro e as emocións humanas.

O percorrido deste ciclo de cinema por Centroeuropa continuará a semana posterior, co drama eslovaco ‘Siervos’, que se remonta aos anos do réxime comunista en Checoslovaquia, coa igrexa católica atravesando serias dificultades para manter a súa actividade, aló polos comezos dos 80.

A programación de febreiro na sala Fernando Rey pecharase cunha estrela do cinema francés, Catherine Deneuve. A actriz gala protagoniza ‘La última locura de Claire Darling’, unha longametraxe na que Julie Bertolucci convida o espectador a unha viaxe a Verderonne, unha pequena vila na que se producirá o reencontro entre unha nai e a súa filla, Claire e Marie, que non se ven desde hai vinte anos.

As entradas, xa á venda

A compra de entradas para as sesións da vindeira semana xa está habilitada, a través da web de Ataquilla. Disporase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases xa están dispoñibles no despacho de billetes do IMCE da praza de Ourense en horario de luns a venres (agás festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estean desempregadas. Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros.

O calendario completo do mes de febreiro, semana a semana
Semana do 1, 2 e 3 de febreiro
● Sala Marilyn Monroe: ‘El triángulo de la tristeza’.
● Sala Fernando Rey: ‘Los jóvenes amantes’.
Semana do 8, 9 e 10 de febreiro
● Sala Marilyn Monroe: ‘Benedetta’.
● Sala Fernando Rey: ‘Preparativos para estar juntos un periodo de tiempo
desconocido’.
Semana do 15, 16 e 17 de febreiro
● Sala Marilyn Monroe: ‘Leto’.
● Sala Fernando Rey: ‘Siervos’.
Semana do 22, 23 e 24 de febreiro
● Sala Marilyn Monroe: ‘Los hermanos Sisters’.
● Sala Fernando Rey: ‘La última locura de Claire Darling’.