As citas mensuais comezarán o vindeiro luns 29 de xaneiro ás 20.00 horas no Centro Ágora, co poeta vasco Joseba Sarrionandia e a boirense Charo Lopes
O Ciclo Poetas Di(n)versos continúa estes meses a súa andaina habitual, cun acto aberto e gratuíto de arredor dunha hora de duración, xuntando no escenario unha voz poética galega a carón doutra de fóra, nun recital dobre no que os versos orixinais son recitados na voz dos seus propios autores e autoras (seguidos de traducións no caso dos idiomas estranxeiros).
O derradeiro luns deste mes as táboas do Centro Ágora recibirán a Joseba Sarrionandia e Charo Lopes. Os dous recitarán os seus versos orixinais presentados pola que fundara ociclo quince anos atrás, a tamén poeta e Premio Nacional de Poesía 2023, YolandaCastaño, dende entón coordinadora do programa patrocinado polo Concello. Facendo do galego lingua de comunicación de toda a iniciativa, Poetas Di(n)versos reunirá este mes a xornalista de Boiro, Charo Lopes, e un dos escritores contemporáneos máis prolíficos en éuscaro, Joseba Sarrionandia.
O filólogo, sociólogo e profesor de universidade de Iurreta (Durango), nado en 1958, ten publicados medio cento de libros cos que acadou grande influencia na literatura e na música vasca. Dúas veces obtivo o Premio da Crítica de Narrativa en Éuscaro e tamén o Premio Euskadi de Literatura na modalidade de ensaio. A súa obra vai unida á súa situación persoal como preso e exiliado e estas vivencias impregnan a temática dunha época á que se suman outras máis vangardistas e mesmo alegóricas e metafóricas. Cómpre destacar tamén a faceta de Sarrionandia como tradutor prolífico para o éuscaro de diversas obras literarias de ata cincuenta linguas distintas, entre as que se poden salientar as de Pessoa, Edgar Allan Poe ou T. S. Elliot.
A poeta, xornalista, fotógrafa e activista galega Charo Lopes gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense e o Premio Xuventude Crea 2014. É membro do Consello de redacción do xornal Novas da Galiza e traballa na Asociaçom Galega da Língua. Foi traducida ao éuscaro e ao finés e nalgunha das súas obras combina a expresión escrita coa ilustración.
Salienta a importancia da fotografía como ferramenta da memoria colectiva e emprega o retrato para lograr o empoderamento feminista. Vinculada aos movementos sociais de base, desenvolve proxectos da man de cooperativas culturais.
As seguintes citas de Poetas Di(n)versos para os vindeiros meses serán os luns 26 de febreiro, na que participarán a Premio Nacional de Poesía Nova Berta García Faet e o lugués Adrián Maceda, e 25 de marzo, cando recibiremos o recoñecido poeta hondureño Rolando Kattan que estará acompañado por outro mozo lugués, Abraham Pérez. Iniciado no 2009, Poetas Di(n)versos é unha cita de referencia dentro da programación cultural e literaria do país pola súa programación poética estable, plural e de alta calidade, que mereceu varios galardóns á mellor iniciativa cultural de Galicia.