Friday 22 de November de 2024

Frades solicita a colaboración de Medio Ambiente para levar o abastecemento de auga ás parroquias de Moar, Añá e Céltigos


Roberto Rey informou a Beatriz Mato de que, unha vez recibido o informe favorable de Patrimonio, só resta a memoria medioambiental para aprobar provisionalmente o primeiro PXOM de Frades

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, reuniuse coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, para solicitarlle a colaboración do seu departamento nun proxecto para levar o abastecemento de auga ás parroquias de Añá, Moar e Céltigos. Así mesmo, aproveitou o encontro en San Lázaro para solicitarlle a maior celeridade posible na emisión da Memoria Medioambiental sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Frades, último trámite administrativo previo á aprobación provisional do que será o primeiro PXOM do municipio.

Roberto Rey informou a Beatriz Mato de que Patrimonio emitiu informe favorable sobre o PXOM de Frades o pasado mes de decembro, cumprindo así o prazo comprometido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González. Iso permitiu que o Concello de Frades presentara o documento o pasado 30 de decembro diante da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a aprobación da Memoria Medioambiental. “Aínda que a Xunta ten un prazo de dous meses para pronunciarse, solicitámoslle á conselleira que se axilizase ao máximo para que poida estar listo en pouco máis dun mes para que así poidamos aprobar provisionalmente o primeiro Plan Xeral de Frades antes da entrada en vigor da nova lei”.

Na actualidade, a ordenación do solo en Frades réxese polas Normas Subsidiarias e Complementarias da Provincia da Coruña, o que limita tanto o crecemento da zona urbana de Ponte Carreira como das vivendas unifamilares dos núcleos rurais e creou diferenzas no ordenamento urbanístico do municipio, que se resolverian coa aprobación deste PXOM. Un plan que contempla dúas zonas de chan urbanizable novas, no Cadaval e en Abellá, que se unen á zona urbana de Ponte Carreira.

Abastecemento

Así mesmo, o alcalde de Frades aproveitou para presentarlle a Beatriz Mato o proxecto para levar o abastecemento de auga ás parroquias de Añá, Moar e Céltigos, orzamentado en algo máis de 775.000 euros. Roberto Rey explicou que se trata dun proxecto “que reduce o gasto inicialmente previsto, amplía o número de veciños beneficiados e nos permitiría completar o abastecemento de auga en todo o municipio”.

Un proxecto que o alcalde de Frades xa presentara o pasado mes de febreiro á anterior conselleira, Ethel Vázquez, quen falara da posibilidade de asinar un convenio de colaboración a tres bandas, implicando a outra administración máis, diante do importante investimento. O alcalde de Frades propúxolle a Beatriz Mato a posibilidade de acometer o proxecto por fases e en diferentes anualidades.