A Rede de Centros Socioculturais volverá ser protagonista do Entroido de Compostela, cunha intensa oferta de actividades que se desenvolverán nas próximas semanas. O concelleiro Xan Duro presentounas hoxe, acompañado por Lourdes de la Cruz e Yovana Quintana, traballadoras da rede que coordinan o programa.
O edil explicou que o obxectivo é “que os centros socioculturais saian á rúa para animar o carnaval e contribúan a difundir as tradicións que nos son propias pero tamén que os usuarios e usuarias partillen o seu tempo coa escusa de prepararen disfraces ou mesmo sobremesas típicas destas datas”.
Comparsas para o Martes de Entroido
Os centros socioculturais de Santiago teñen xa en marcha unha chea de actividades relacionadas co Entroido, nalgúns casos propostas comúns para toda a rede, tanto presenciais como a través das redes sociais, e noutros propias de cada barrio. Unha das actividades comúns, que leva anos plenamente consolidada, ten que ver coa comparsa dos CSCs que participará no desfile do Martes de Entroido, o 13 de febreiro. Desta vez, a temática elixida para os disfraces que se empezarán a preparar nos centros socioculturais é o “Roubín de Corazóns”, de maneira que os veciños e veciñas que queiran apuntarse convertiránse en ladróns e ladroas que se dedicarán a roubar e a espallar amor. Esta comparsa volverá saír á rúa o sábado 17 de febreiro, para facer un percorrido pola cidade histórica. Ademais, o centro sociocultural de Conxo traballa na súa propia comparsa para o desfile do martes de Entroido,, coa temática “Marchamos para outro mundo”.
Outros Entroidos nos barrios e parroquias
Ademais do desfile do Martes de Entroido polo centro da cidade, os barrios e parroquias tamén celebran o carnaval con actividades propias nas que terán presenza os centros socioculturais. Así será nos entroidos de Marrozos, O Eixo, Aríns e Angrois, as parroquias que conservan a tradición dos Xenerais da Ulla e que celebrarán os seus atranques a partir do 3 de febreiro.
Relacionado con esta figura do Entroido da comarca da Ulla, no centro sociocultural do Castiñeiriño traballarase na preparación dos disfraces dos chamados “Xeneraliños do Casti”, así como nos atranques e nas coplas, para celebrar o carnaval cunha gran festa o venres 16 de febreiro. Será en colaboración coa asociación veciñal, e haberá tamén comparsas e concurso de filloas.
Nas Fontiñas, haberá obradoiros para preparar os disfraces de “Seres máxicos” cos que o centro sociocutural participará na chamada “Festa Rechamangueira” que se celebrará en Área Central o 10 de febreiro; e desde o centro Maruxa e Coralia da Cidade Histórica vólvese organizar unha comparsa dedicada ás irmáns Fandiño que percorrerá as rúas da zona vella o luns 12 de febreiro. Os talleres para preparar os disfraces comezarán xa o próximo 29 de xaneiro.
Por último, no sábado 17 de febreiro a festa trasladaráse aos barrios de Conxo, cunha festa que comezará ás 12.30 do mediodía e que terá o seu epicentro na praza de Aurelio Aguirre; e a Santa Marta, co Feirón de Entroido a partir das 18.00 horas.
Propostas nas redes e obradoiros temáticos
Ademais de participar nas diferentes festas do Entroido, desde a rede de Centros Socioculturais anímase á veciñanza a celebrar o carnaval tamén na casa e a través das redes sociais. Dunha banda, volve a iniciativa de “O Meco manda nas redes”, para que os veciños e veciñas sigan as instrucións que esta personaxe trasladará a través do Facebook e do Instagram dos CSCs entre o 5 e o 13 de febreiro, subindo as súas fotos e etiquetándoas cos cancelos #NoEntroidoPretoDeTi e #CentrosSocioculturaisPretoDeTi. Ademais, do 10 ao 17 de febreiro anímase tamén á cidadanía a partillar as fotos dos seus disfraces libres.
A programación do Entroido nos Centros Socioculturais complétase con diferentes obradoiros relacionados con esta festa. Así, haberá un taller sobre petiscos de Entroido, tanto para persoas adultas como para público familiar. No caso das persoas adultas, será nos locais de Sar, A Gracia, A Rocha, Nemenzo, O Romaño, Cardeal Quiroga, A Trisca e Vite. Os obradoiros de cociña para as familias serán en Marantes, Santa Marta, Fontiñas, Villestro, Maruxa e Coralia, A Peregrina e Pontepedriña. Tamén está previsto un obradoiro de chapeus e colas dos Xenerais da Ulla, dirixido a crianzas desde os 5 ata os 11 anos. Será o 15 de febreiro nos centros socioculturais de Santa Marta e Vite.
Por último, e da man do departamento de Cultura, haberá tamén cinco obradoiros de teatro improvisado, impartidos por Jorge Rey e que se desenvolverán nos centros de Pontepedriña, Maruxa e Coralia, Vite, Santa Marta, Figueiras e Fontiñas; e dous espectáculos de teatro improvisado, no centro sociocultural de Conxo o 10 de febreiro, e no Romaño, o 17 de febreiro.