Preto de 200 alumnos que cursan ciclos da familia profesional de Hostalaría e turismo de oito centros educativos de Galicia participan estes días na Feira Internacional de Turismo Fitur. A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, saudou esta mañá á delegación galega neste evento e interesouse pola experiencia que estes alumnos están vivindo.
A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades agradeceu tamén aos profesores que os acompañan a súa implicación na formación do alumnado e o seu apoio á participación neste tipo de citas. O equipo da FP galega en Fitur está conformado polos institutos IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) e Sanxillao (Lugo), e polos centros integrados de FP CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), Compostela (Santiago), A Farixa (Ourense), Vilamarín (Vilamarín), Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo).