O Concello amosará a calidade da súa cociña coa degustación de produtos coruñeses elaborados por dous cociñeiros de vangarda
Toda a programación desenvolverase no espazo de Saborea España, rede de destinos gastronómicos da que A Coruña forma parte
O Concello da Coruña aterrará o luns na feira internacional de gastronomía Madrid Fusión co obxectivo de seguir afianzando a cidade como potencia na cociña de vangarda. Na vixésimo segunda edición deste congreso global, que se celebrará desde mañá e ata o mércores 31 en IFEMA Madrid, participan o cociñeiro Manuel Triay, da Taberna Triay e con varios premios no Concurso de Tapas Picadillo como o de Mellor Tapa creativa 2023; e a cociñeira Sheila Barbeito, do Restaurante Roots, gañadora do II Campionato de Pinchos de Galicia 2023 e finalista no Concurso Nacional de Tapas de Valladolid 2023. Toda a programación desenvolverase no espazo de Saborea España, rede de destinos gastronómicos da que A Coruña forma parte.
A presentación da gastronomía coruñesa en Madrid vai da man da oferta cultural e de lecer que expuxo o goberno de Inés Rey a pasada semana en FITUR nun encontro que, coma este, conta cunha proxección nacional e internacional de gran relevancia. Madrid Fusión Alimentos de España regresa este ano baixo o lema ‘Onde todo comeza’, lembrando que foi punto de partida e epicentro da excelencia culinaria servindo, ademais, como encontro para o talento emerxente e a innovación. Premisas que comparte a propia cidade da Coruña, que conta na actualidade cunha vintena de restaurantes con premios e distincións grazas á súa innovación e unha nova aposta culinaria que transcende o tradicional.
Programación 29 de xaneiro
A xornada do luns arrincará na caseta de Saborea A Coruña cun almorzo con torta de Amasarte, dando paso a unha sesión vermú que contará cunha degustación de Queixo Cagiao aderezado con produtos de Acastrexa, empanada de Pablo Pizarro-La Empanada Viajera e vermú ecolóxico Lodeiros.
Pola tarde, o público poderá gozar dun momento máis doce cunha larpeira de Amasarte, infusións Orballo, cremas Lenatt ou unha agulla de conservas coruñesas La Pureza. Por suposto, non faltará unha selección dos mellores viños.
Ademais, A Coruña destacará nesta xornada algúns dos eventos gastronómicos con máis sona da cidade e que se desenvolven ao longo do ano como as Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico-Reserva de Biosfera ou Boucatise, o Festival do Bocata Gourmet. A cata destes pratos poderá realizarse no posto de Saborea A Coruña ao mediodía.
O programa da Coruña para Madrid Fusión complétase o resto de días con máis degustacións de produtos da Lonxa, da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Conservas Amieiro, Patatas Bonilla, Chocolate Express, empanada de Casa Pardo, carne de Pío do Saleiro, produtos ecolóxicos dos Biosbardos ou viños de Adegas Bordel e Pagos de Brigante. Tamén terán lugar obradoiros de tapas ou catadura de viños. Madrid Fusión chega despois de que a alcaldesa, Inés Rey, presentara esta mesma semana en Fitur a ampla programación cultural e de ocio da cidade, convertida xa nun destino turístico de referencia tanto a nivel nacional como internacional.