A directora de Turismo de Galicia visitou a Ribeira alta do Miño, onde o departamento que dirixe instalou 18 paneis de sinalización monumental e planimétrica dos principais recursos desta zona
“Dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico accesible. Este é o obxectivo, segundo manifestou hoxe a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, da liña de subvencións de máis de 1,3 millóns de euros que destinou en 2005 o departamento que dirixe para a sinalización turística nesta contorna.
Nava Castro, que hoxe visitou a Ribeira alta do Miño, onde Turismo de Galicia instalou 18 paneis de sinalización monumental e planimétrica dos principais recursos da zona, manifestou que con iniciativas como esta estase a consolidar a Comunidade galega como un destino turísticos accesible para todos e potenciando o medio rural, o que contribúe a incrementar así as súas cifras de demanda.
Para a directora de Turismo de Galicia, entre os principais obxectivos do seu departamento está o desenvolvemento do territorio de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sostibilidade, e así “traballamos pola potenciación do turismo e dos seus recursos como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial”.
Accións desenvolvidas
Segundo explicou hoxe en Lugo Nava Castro, mediante esta liña de subvencións dáselle pulo á mellora da accesibilidade física e á sinalización dos recursos turísticos coma os espazos naturais, os miradoiros e as rutas de sendeirismo, as praias marítimas e fluviais ou os bens culturais, que constitúen un grande atractivo para quen nos visita.
Deste xeito, grazas a estas axudas, os concellos do medios rural puideron levar a cabo obras de construcción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos ao recurso, así como a construcción de pasarelas e ramplas coa conseguinte eliminación de barreiras arquitectónicas.
Ademais, engadiu a directora de Turismo de Galicia, esta liña de axudas posibilitou a construcción, rehabilitación e mellora das instalacións que contribuén a optimizar os accesos e a circulación dos visitantes.
Con este investimento do departamento de Turismo da Xunta de Galicia, os concellos do rural tamén se beneficiaron da mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, ademais da sinalización, información visual e información táctil.
Demanda turística en turismo rural
Polo que respecta á demanda turística nos establecementos rurais de Galicia, segundo os últimos datos do INE, Galicia rexistrou o pasado ano unha mellora notable neste eido, superando nun 21,6% a cifra de viaxeiros aloxados e nuns 16,2% no nivel de pernoitas do mesmo período do 2014.
Este segmento acadou así en 2015 un máximo histórico de volumen de viaxeiros aloxados nun ano non Xacobeo, con máis de 181.000.