Concello e entidades preparan actividades para a fin de semana grande do carnaval
Aínda temos os polvoróns na gorxa e os dedos ulindo a lagostinos… e xa nos vén aí o Entoido. Os días máis irreverentes do ano caen baixos -o Martes de Carnaval, festivo local, é o 13 de febreiro- e, ademais, nesta ocasión cadrarán en plena campaña electoral. En calquera caso, San Sadurniño preparou a celebración do seu Entroido para o venres 9 de febreiro, cunha sesión de mañá para a rapazada do CPI e outra a partir do serán para toda a veciñanza que queira vir pasalo ben á carpa que estará instalada na praza do antigo Concello. Ademais, haberá premios. Avisamos con tempo de adianto suficiente para que vaiades pensando o voso disfrace.
O Entroido da cativería da escola comezará ás 11:30h cun pasarrúas desde o centro de ensino até a carpa, onde os distintos cursos subirán ao escenario para mostrar os seus disfraces e botarlle, se queren, unhas cantadas. De feito, todo o traxecto estará animado por Ferreñas Club, integrado por gaiteiras, acordeonistas e pandereteiros do centro de ensino.
Xa pola tarde, a partir das 19:30h, terá lugar no mesmo sitio o carnaval aberto a toda a veciñanza, neste caso animado polo grupo folc Encrucillada. Tralo éxito do ano pasado, o Concello repite o formato da festa, cun concurso de máscaras -haberá que anotarse na propia carpa entre as 19:30 e as 20:30h- que outorgará os seguintes premios:
Infantil individual (0 a 8 anos), dous vales de 35€ para gastar no comercio local
Xuvenil individual (8 a 18 anos), dous vales de 35€ para restaurantes locais
Parellas (maiores de 8 anos), dous vales de 70€ para restaurantes locais
Adulta individual (máis de 18 anos), dous vales de 35€ para restaurantes locais
Grupo (entre 3 e 6 persoas), dous vales de 100€
Comparsa (máis de 7 persoas, con animación musical), un vale de 300€ canxeable nun restaurante local
Así que, xa sabedes, ide preparando o voso disfrace para o Entroido de San Sadurniño 2024, que se celebrará na tarde-noite do venres 9 de febreiro na praza do antigo Concello. E non será o único sitio, xa que as entidades veciñais tamén nos teñen preparadas cousas.
10 de febreiro: Cocidos de entroideiros en Lamas e Bardaos, e festa infantil de disfraces en Naraío
Nas previsións carnavaleiras temos que contar outras tres que organizan a AVV Xuntanza de Lamas, a veciñanza da Bardaos e a AVV O Castelo de Narahío, todas para o sábado 10 de febreiro cadrando coa fin de semana grande do Entroido.
En Lamas, no local social de San Xiao, servirase un cocido a base de sopa, todo o que leva o cocido, sobremesas propias destas datas, pan, bebida e café, cun prezo de 20€ as persoas socias e de 24€ as non socias (de balde para menores de 12 anos). Hai que anotarse antes do 5 de febreiro no 618 838 760 ou no 664 203 738. Ademais, durante a tarde tamén actuará o grupo tradicional Os Carecos.
Por outra banda, a parroquia de Bardaos e a confraría do San Pipote organizan tamén o sábado 10 un cocido de Entroido que terá lugar no local social da Bañoca.
Empezan ás 14:30h con sesión vermú e media hora despois servirase un menú a base de sopa de cocido, cocido completo -lacón, cachola, chourizo, grelos, patacas e garavanzos-, sobremesas típicas do carnaval e café de pota.
O prezo, pan e bebida incluída, son 25€ (rapazada menor de 10 anos gratis). Hai que anotarse antes do 7 de febreiro mandando un whatsapp ou chamando aos teléfonos 676 124 031 ou 636 507 030.
A terceira cita da que temos constancia -por agora- lévanos ese mesmo día ao local da Veiga, en Naraío, onde a Asociación veciñal O Castelo ten programado a partir das 18:00h un Entroido infantil con La GuaGua. Durante aproximadamente dúas horas, o grupo de animación ofrecerá o seu espectáculo participativo “Cantabaila”, cheo de xogos e coreografías para toda a familia. A entrada é libre e haberá agasallos para a rapazada.