O próximo Pleno ordinario retrasarase ao 4 de abril para evitar que coincida co Xoves Santo.
Hoxe celebrouse a sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de xaneiro. Estivo presidida polo tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, ao escusar a súa ausencia o alcalde, José Manuel López Varela, que viaxou a Madrid para representar á Laracha na Feira Internacional de Turismo (Fitur) xunto á concelleira Rocío López. Tampouco asistiu á portavoz do grupo do BNG Carolina Castiñeiras.
A sesión comezou gardando un minuto de silencio en recordo das mulleres vítimas da violencia de xénero -tal e como se fai en cada Pleno ordinario desde hai máis de vinte anos-, instante no que o concelleiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE, José Suárez, abandonou temporalmente o seu escano na mesa do Salóns de Plenos para situarse nos asentos do público.
Xa inmersos nos asuntos que conformaban a Orde do Día, aprobáronse as actas das dúas sesións anteriores cos votos en contra dos dous edís do grupo socialista.
Houbo acordo unánime para cambiar de data o próximo Pleno ordinario, previsto inicialmente para o 28 de marzo, Xoves Santo, e que se retrasará ao xoves 4 de abril.
Ademais, deuse conta das 204 resolucións de Alcaldía ditaminadas nos últimos dous meses, desde o
Pleno ordinario anterior.
Por último, debatéronse tres mocións sen aprobarse a urxencia en ningunha delas. Dúas foron relacionadas coa alerta polo vertido de pélets. Martínez Barbeito explicou que o Concello actuou en coordinación coa Xunta de Galicia desde o 5 de xaneiro, cando se mantivo a primeira conversa co conselleiro do Mar, e que desde o día 8 está a actuar persoal municipal na limpeza da praia de Caión, aínda que apuntou que a cantidade de granulados que chegou ao areal é escasa.
Na outra moción, sobre a implementación das actas en formato vídeo, Martínez Barbeito avanzou que no proxecto de rehabilitación integral da Casa do Concello, para o que actualmente está en fase de licitación a redacción e a dirección de obra, están previstas tamén actuacións de mellora do Salón de Plenos, incluíndo sistemas que permitan a gravación con garantía de calidade.