A alcaldesa, Goretti Sanmartín, acompañada pola portavoz do Goberno municipal, Míriam Louzao, mantivo unha xuntanza co presidente de ADIF, Ángel Contreras, e co director xeral, Juan Pablo Villanueva, para coñecer de primeira man o anteproxecto do aparcadoiro da Intermodal de Santiago de Compostela.
Durante a reunión, os responsables de Adif explicaron que este equipamento será construído en superficie e en varias alturas e que estará situado na parte posterior do edificio da estación orixinal -na zona que ocupa o aparcadoiro actual-. A previsión é que o novo equipamento estea en construción no exercicio 2025 e que no conxunto do recinto da Intermodal se superen as 900 prazas de aparcadoiro dispoñibles para diferentes tipos de vehículos e servizos -vehículos particulares, motos, taxis, mobilidade reducida-.
Tras a xuntanza, Goretti Sanmartín valorou moi positivamente o compromiso de Adif para a construción deste novo aparcadoiro, xa que contará cunha capacidade significativa e dará resposta a unha das demandas que o goberno municipal viña reclamando nos últimos meses. Pola súa banda, a alcaldesa trasladoulle ao presidente de Adif a máxima colaboración por parte do Concello de Santiago na tramitación administrativa necesaria para levar a cabo este proxecto.
O encontro, que tivo lugar nas dependencias de Adif en Madrid, formou parte da axenda complementaria da rexedora compostelá en Fitur para tratar temas de interese para a cidade. Ademais do anteproxecto do aparcadoiro, que foi o asunto principal, tamén se falou dos pasos necesarios para que a Intermodal leve oficialmente o nome de Daniel Castelao, tal que como acordou por unanimidade en sesión plenaria.