A edil socialista reuniuse con representantes dos comerciantes que lle trasladaron a súa preocupación pola retirada da presenza policial que supervisaba que todos tiveran as taxas a corrente de pago
“Estanse a dar casos de pillería de algunhas persoas que se instalan no mercado, que non pagan as taxas correspondentes nin teñen a documentación que se lle require aos demais” afirma.
A retirada do control selectivo no mercado de Salgueiriños está a provocar tensións entre os vendedores ambulantes ante a ‘pillería’ de algúns que instalan os seus postos sen ter en orde a documentación que esixe a ordenanza municipal. É o que denuncian desde o Grupo Municipal Socialista, logo de reunirse con representantes dos comerciantes que cada xoves se instalan na explanada de Salgueiriños.
Explica a concelleira Mila Castro que se están a dar casos “de pillería de algunhas persoas que se instalan no mercado, moitas veces na noite anterior a súa celebración”. Persoas que non pagan as taxas correspondentes nin a documentación que se lle require aos demais, algo que, recalca, “xera unha competencia desigual”.
A edil socialista denuncia que nos últimos meses retirouse o control policial a primeira hora da mañá que facilitaba unha supervisión dos postos, previo á montaxe dos mesmos, de tal maneira que aqueles que non cumpriran co regulamento municipal, non podían instalarse. Así demandará no próximo pleno ao goberno local que se recupere esta fórmula, tal e como demandan os propios vendedores.
“Temos que garantir que os vendedores ambulantes exerzan a súa actividade en igualdade de condicións cumprindo cos requisitos establecidos no regulamento de venda ambulante e estando ao día no pago das taxas establecidas” asegura Castro que insiste en que, no referido ao respecto á normativa “non se admite o regateo”: “non pode haber rebaixas para uns e outros non”.
Segundo a socialista, esta medida de control, “lonxe de parecer unha medida disuasoria ou desmotivadora para os propios vendedores” supón “unha garantía” para o exercicio da súa actividade. Lembra Castro que o Regulamento de venda ambulante do Concello establece a posibilidade de extinción da autorización municipal no caso de non asistir a tres mercados consecutivos ou seis alternos ao longo da vixencia da licenza, salvo causa xustificada: “establecéndose estes criterios na norma, non é xusto para os que se comprometen co noso mercado, que outros se instalen nel sen tan sequera ter a licenza habilitante”.