O número de páxinas vistas deste servizo on-line medrou case un 6% no ano 2015
Con máis de 2 millóns de usuarios ao longo de 2015, o portal de información e promoción turística da Xunta de Galicia incrementou o número de persoas que visitan esta web en preto dun 22%.
Este servizo de información e promoción de Turismo de Galicia rexistrou tamén unha suba no número de páxinas vistas polos usuarios, que entre os meses de xaneiro e decembro de 2015 en relación ao mesmo período do ano anterior situouse no 6%, o que supuxo máis de 7,5 millóns de páxinas vistas nos últimos doce meses.
Polo que respecta aos países que máis visitan o portal turístico de Galicia, logo de España, sitúanse os Estados Unidos, Holanda, Bélxica, Francia, Gran Bretaña, Portugal, Alemaña, Arxentina e Suíza.
Dispositivos de acceso
Nesta comparativa entre os anos 2015 e 2014, o desglose por tipo de dispositivo de acceso indica un incremento das consultas a través de teléfono móbil. Aínda así, o ordenador persoal segue a ser o dispositivo máis empregado para acceder á web de Turismo de Galicia.
Por outra parte, o teléfono móbil incrementou a súa presenza como medio de acceso nun 43,35%, mentres que o acceso dende tablet medrou o ano pasado o 36,76%.
Fontes de tráfico
Polo que respecta ás fontes de tráfico cara a web de información e promoción turística da Xunta de Galicia, estas son o buscador Google, que representou neste período de 2015 máis do 70% das visitas; e o tráfico directo á web, que representou máis do 16% en 2015.
O resto de buscadores e as referencias recibidas das redes sociais completan o mapa de fontes de tráfico á web de Turismo de Galicia.
Polo que respecta aos apartados máis salientables do portal, os recursos turísticos de Galicia constitúen os datos de maior interese para os usuarios.
En segundo lugar, as consultas máis realizadas polos usuarios fan referencia aos destinos e ás experiencias turísticas, seguidas dos plans turísticos e da información turística xeral da comunidade galega.
O portal web de Turismo de Galicia conta na actualidade con contidos en seis idiomas: galego, castelán, portugués, inglés, francés e alemán.