A actuación comprende a mellora de beirarrúas, a plantación de árbores, a elevación de pasos de peóns e o reacondicionamento da parada de autobús
O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Infraestruturas, comezará na primeira quincena do mes de febreiro a primeira fase da reurbanización da rúa Manuel Ferrol, no barrio do Martinete. Esta actuación impulsada polo Goberno de Inés Rey ten como obxectivo a mellora da seguridade viaria e peonil, ademais de dotar a cidadanía de mellores espazos públicos.
A actuación, nesta primeira fase, comprenderá as seccións da rúa que rodean o bloque residencial situado fronte á estrada do Birloque. Nunha segunda fase posterior reformarase a parte da calzada que conecta coa rúa Juan Darriba. Os traballos consistirán na mellora do conxunto das beirarrúas, incluíndo a creación dunha nova no treito en dirección a Juan Darriba, que carecía de espazos seguros de paso para as persoas viandantes.
Ademais, elevaranse cinco pasos de peóns para aumentar a seguridade viaria nesta primeira fase e outros dous posteriormente na segunda, no cruzamento coa rúa Juan Darriba, onde tamén se suprimirá a glorieta existente e se mellorarán as beirarrúas. Os ditos pasos nos que se actuará de maneira inmediata son os situados a ambos os lados do acceso á rúa desde a estrada do Birloque e tres na parte posterior do bloque residencial. Ademais, na parte posterior do bloque residencial aproveitarase o espazo da calzada para sumar unha liña de estacionamento.
A actuación completarase coa plantación de 15 novas árbores no conxunto da rúa, 11 nesta primeira fase, e a mellora da parada de autobús situada na estrada do Birloque. A renovaciónde Manuel Ferrol, cun prazo de execución de catro meses, é froito do diálogo mantido polo Goberno de Inés Rey cos veciños e veciñas do barrio do Martinete para mellorar a súa contorna.