Saturday 16 de November de 2024

O PP de Culleredo denuncia o absoluto deixamento do alcalde Riobo respecto a reforma do pavillón de Tarrío


 Consideran inaceptable que o alcalde “en lugar de traballar para o progreso do Concello, estea a custarlle diñeiro aos veciños”.

 Critican o abandono sistemático das instalacións deportivas municipais e o prexuízo que iso supón para clubs e deportistas.

O Grupo Popular de Culleredo considera “inaceptable e dun deixamento abraiante o sucedido coa tan anunciada remodelación integral do Pavillón de Tarrío. Unha obra incluída no Plan Único da Deputación do 2021 e que, non só non se levou a cabo, senón que se tivo que indemnizar á empresa adxudicataria da obra con máis de 16.000€ pola imposibilidade de iniciar sequera a reforma, debido, por suposto, á incapacidade do alcalde de sacar nada adiante”, sinalan os populares.

O seu portavoz municipal, Izaskun García, reclama “que se inicie de inmediato a tramitación dunha nova licitación. Perdeuse demasiado tempo pola incompetencia do Goberno Municipal. Que o alcalde Rioboo deixe de poñer escusas que xa ninguén cre e que se dedique a traballar por Culleredo. Teremos que partir de cero con este proxecto, cando debería estar xa finalizado”.

Os populares de Culleredo manifestan tamén “o profundo malestar dos principais clubs do Concello, que nos trasladan continuas queixas respecto ao estado dos pavillóns. Parqué en malas condicións, iluminación deficiente, multitude de pingueiras, condensación… A lista é interminable e supón, non só sancións federativas que deben asumir os clubs, senón tamén o que é máis grave, posibles lesións por realizar a práctica deportiva nesas condicións”, denuncian con preocupación desde o Grupo Popular.