O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases e convocatoria de 2016 das axudas a estes establecementos
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases reguladoras e a convocatoria de 2016 das axudas aos establecementos de cocción de mexillón con destino á instalación de depuradoras de augas residuais procedentes do proceso de cocción. A estas axudas a Consellería do Mar destina 2 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo e Marítimo e de Pesca (FEMP) nun 75%.
Esta norma é consecuencia da sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Asociación Galega de Cocedoiros de Mexillón (Agacome) e dez empresas deste sector, para promover accións que melloren as augas residuais mediante a implantación dos sistemas máis eficaces de depuración de acordo coas mellores tecnoloxías dispoñibles en cada caso particular, co obxecto de reducir os parámetros de vertido neste eido produtivo.
Así, estas subvencións teñen como obxectivo promover investimentos necesarios para implementar nas factorías de cocción de mexillón sistemas de depuración respectuosos co medio acuático e compatibles cun bo estado ecolóxico das augas. Deste xeito, poderán ser subvencionables o financiamento dos ele¬mentos de sistemas de depuración de augas residuais de industrias e construcións e ele¬mentos auxiliares aos mesmos, que teñan como actividade principal o proceso de cocción do mexillón e que vertan directamente as súas augas residuais industriais en augas continentais ou ao mar ou ás redes públicas de saneamento.
Neste sentido, poderán beneficiarse destas achegas os titulares de establecementos xa existentes en Galicia, que teñan como actividade principal a cocción do mexillón. Isto é, cando, como mínimo, o 75 % do total das compras da materia prima sexa de mexillón en fresco para transformación, nos dous exercicios anteriores á presentación da solicitude de axuda.
Para poder obter a condición de beneficiario destas axudas, será requisito imprescindible que o solicitante teña asinado o protocolo de colaboración que deu orixe a esta norma e do que forman parte a Consellería do Mar, Augas de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Asociación AGACOME e outras empresas. Tamén poderán ser beneficiarias destas axudas, aquelas empresas que aínda que non teñan asinado inicialmente o protocolo, se adhiran a el no prazo establecido para a presentación das solicitudes.
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do 1 de xaneiro de 2016, día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Os intresados poderán consultar os requisitos necesarios na orde que publicou o DOG e deberán presentar as solicitudes preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Tamén poderán presentar as solicitudes en soporte papel.