A mocidade carballesa segue “enregueifándose” cos obradoiros de Lupe Blanco e Josiño da Teixeira
A regueifa segue calando na sociedade carballesa grazas a iniciativas como a Escola da Regueifa do Concello de Carballo, que este venres 26 celebrará unha nova sesión aberta coa colaboración no mercado municipal; o certame Espalla Rimas, patrocinado polo Concello de Carballo, no que Lupe Blanco vén de revalidar o título dos Premios Galegos da Regueifa, ou como o proxecto Enreguéifate, impulsado polo noso concello xunto cos de Ames, Pontevedra, Santiago e Teo.
O obxectivo non é outro que poñer en valor a regueifa, incentivar a súa práctica e difundila entre a infancia e a mocidade, e para ir avanzando nese camiño desenvólvense accións formativas dirixidas tanto ao profesorado coma ao alumnado. Despois dunha primeira quenda de obradoiros de improvisación oral nos CEIP A Cristina, Canosa-Rus, Xesús San Luís Romero, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo e Bergantiños, e os IES Monte Neme e Parga Pondal, o venres 19 deste mes arrincou a segunda quenda, na que participan o CEIP Fogar e o IES Alfredo Brañas, cun total de sete obradoiros que rematarán o luns 27.
Nestes obradoiros, impartidos por Lupe Blanco e Josiño da Teixeira, trabállase de maneira práctica e dinámica a improvisación oral e a técnica da regueifa desde os valores da igualdade e a diversidade.
Con estas actividades tamén tratamos de impulsar a participación no certame Enreguéifate, que celebrará a súa sétima edición no 2024. O prazo de inscrición está aberto ata o 1 de marzo, e atoparás toda a información aquí.
Escola de Regueifa
A Concellaría de Normalización Lingüística de Carballo continúa, de xeito paralelo, traballando na formación de regueifeiros e regueifeiras a través da Escola de Regueifa, que conta cunha trintena de alumnos/as fixos/as e numerosas entidades colaboradoras. Precisamente este venres 26 (19.00 horas, mercado municipal) celebrarase unha nova sesión dirixida por Lupe Blanco, aberta tanto ás persoas que queiran regueifar coma ás que queiran escoitar.