Saturday 16 de November de 2024

O PSOE provoca un altercado no Pleno de Oleiros


As constantes alusións persoais ao alcalde ante a falta de argumentos políticos rebentan o debate na Corporación

 

A provocación constante dos concelleiros do PSOE ao alcalde deu como resultado un altercado verbal no pleno de xaneiro. Tras mencionar á esposa do alcalde, este respondeulle de xeito apaixonado e contundente, ao sentirse vítima dun acoso que só trataba de menoscabar a honra do presidente da Corporación.

Esta actitude groseira e mal encarada dos socialistas trata de ocultar a falta de coñecemento do municipio, pois desde o principio deste mandato basean a súa participación nos debates corporativos nas agresións persoais.

A calumnia sobre as propiedades da muller de Ángel García Seoane superou todos os límites. Xa noutro momento recorreran aos Tribunais con ese tema, do que tanto o alcalde como a súa familia resultaron absoltos. “Este tipo de persoas, mal chamados socialistas, sobran na política”, dixo o alcalde en declaracións públicas.

“O odio cara a min é tal que no pleno de onte levamos unha proposta para mellorar o consultorio médico de Mera, no que traballa como médico a portavoz do PSOE, converténdoo nun auténtico Centro de Saúde. Para asombro de todos, non apoiou a proposta e incluso defendeu á Xunta de Galicia. Iso é o que lle importan os problemas da veciñanza”, manifestou o rexedor.

O PSOE obtivo nas últimas eleccións municipais o peor resultado histórico do partido. “Estes concelleiros levan 2 días en Oleiros, e eu 44 anos gobernando, todo o mundo me coñece. A Alternativa revalida elección tras elección con maiorías. Aquí non poden enganar a ninguén, porque o nivel cultural é bastante alto e todos saben quen é quen”, dixo o alcalde a un medio de comunicación de ámbito estatal.