Pais e nais poden consultar as cualificacións, as faltas de asistencia ou solicitar unha titoría desde os seus dispositivos móbiles
Nos últimos meses, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, aumentou o número de centros que poden dispoñer da aplicación abalarMobil, beneficiando así a un maior número de familias que poden seguir a actividade educativa dos seus fillos desde calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles.
En total foron 86 os centros educativos que se incorporaron aos 150 existentes ata o momento. Deste xeito, xa son máis de 82.000 familias das 4 provincias galegas (104 da provincia da Coruña, 37 da provincia de Lugo, 29 da provincia de Ourense e 66 da provincia de Pontevedra) as que se están beneficiando desta ferramenta. Neste enlace pódense consultar a listaxe dos centros educativos: https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/nova/abalarmobil.
Os pais e as nais que descarguen a aplicación poderán consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, solicitar unha cita de titoría, consultar e xustificar as faltas de asistencia; visualizar as faltas de conduta, os horarios e as materias; acceder ás incidencias creadas polo profesorado e aos avisos ou notificacións dos docentes ou do centro educativo, e modificar o idioma da aplicación.
abalarMóbil traslada ás tablets e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar. A aplicación pode descargarse nos markets Apple Store (se o sistema operativo é iOS) ou desde Play Store (se o sistema operativo é Android)
Acceso máis sinxelo
A principal vantaxe desta ferramenta é que simplifica o acceso a estas funcionalidades con respecto aos servizos que ofrece espazoAbalar, xa que o único requirimento para acceder á información é descargar a aplicación. Para acceder á parte privada do portal espazoAbalar é necesario dispoñer dun ordenador con certificado dixital ou do DNI electrónico, que verifique a identidade do usuario. Con esta aplicación só é necesario dispor dun teléfono móbil con conexión de datos e descargar a aplicación para poder acceder aos servizos de abalarMóbil.