Aitor Bouza, censura que a primeira medida de Alfonso Rueda cando chegou á Xunta fose “eliminar un servizo que permitía o acceso a produtos básicos a 1.100 familias en Santiago”
Destaca que “fronte os retallos en política social do Partido Popular” se impulse desde o goberno do Estado a implantación da tarxeta básica a nivel estatal
Logo dunha xuntanza con representantes da Coordinadora Galega de ONGDs e da Rede Galega contra a Pobreza os socialistas censuraron a política social da Xunta do Partido Popular coa eliminación da tarxeta básica “como primeira medida do señor Rueda ao chegar á presidencia da Xunta”.
O secretario xeral dos socialistas en Santiago e candidato número 4 pola provincia de A Coruña, Aitor Bouza, arremeteu contra o Partido Popular polos anuncios “de pandereta” en materia social que veñen publicando nas últimas semanas xa nun marco electoral e que “pretenden tapar a súa absoluta inacción e o absoluto caos da Xunta no que ten que ver coa política social”. Uns anuncios “millonarios” que contrapón coa eliminación da tarxeta básica decretada nos primeiros meses de goberno de Alfonso Rueda e da que se beneficiaban 1.100 familias en Santiago: “por que eses millóns non se empregaron para levar a cabo esas políticas sociais necesarias para garantir que as persoas vivan en dignidade”.
Así no encontro con representantes de EAPN de loita contra a pobreza, os socialistas comprometéronse a recuperar a tarxeta básica con José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta de Galicia logo do 18F. Poñen ademais en valor que o Consello de Ministros do executivo de Pedro Sánchez aprobase implantar esta medida a nivel estatal amosándose, di, que existen “dous modelos”: “o do Partido Socialista que busca construír unha sociedade que garanta o dereito a vivir en dignidade e o do Partido Popular de Alfonso Rueda que elimina un dereito fundamental para tantas galegas e galegos como era a tarxeta básica”.
Aposta por unha política social integral
Os socialistas reivindican unha política social que debe atender tamén ao papel de Galicia no mundo. Neste sentido, cualifican de “inexplicable” que no 2024 os orzamentos da Xunta reduzan a súa partida en materia de cooperación para o desenvolvemento. Aseguran que se trata do primeiro ano que ocorre, algo que “ninguén entende e menos dentro do contexto social actual”.
Bouza defende a solidariedade de Galicia fronte ao mundo, ao tratase a nosa “dunha comunidade autónoma que entende moi ben a emigración”, apostando tamén desde o Partido Socialista por un maior esforzo en materia de cooperación ao desenvolvemento.