Lembran os socialistas que foi durante o seu mandato cando se convocou este proceso, cunha oferta de 130 prazas entre as dúas modalidades, ao igual que o de estabilización, con outras 92: “unha cuestión que non se ve pero que é moi importante para que a maquinaria funcione, que diría a alcaldesa sempre alerta para atribuírse os méritos”
Logo de que nos últimos días coñecéranse as propostas de nomeamento do persoal funcionario de carreira e do persoal laboral fixo dentro do proceso extraordinario de estabilización do Concello de Santiago, os socialistas reclaman prazos concretos ao goberno local tamén para os procesos selectivos de acceso libre e promoción interna. A que fóra responsable de Persoal, Marta Abal, pídelle dilixencia ao bipartito na xestión da “maior oferta de emprego público convocada no Concello de Santiago”: “no traspaso de poderes lle deixamos todo en marcha e semella que agora non avanza a tramitación”.
Abal destaca que o proceso de estabilización, é “unha boa nova para reducir a temporalidade no Concello por debaixo do 4% e que, unha vez máis, é froito da xestión do pasado goberno”. Son en total 92 prazas as que se recollen na estabilización, algo que, destaca a edil socialista, “é o resultado dunha das principais medidas de reforma municipal que impulsamos na súa totalidade durante o anterior goberno”.
“Esiximos dilixencia, que menos cando lles quedou preparada a maior oferta de emprego público da historia do Concello”
“Esta é unha cuestión de esas que non se ven pero que é moi importante para que a maquinaria funcione, como diría a nosa alcaldesa, sempre alerta para atribuírse os méritos” ironiza Abal en relación a unhas declaracións de Sanmartín sobre as liñas de traballo do actual goberno.
Así, agora desde o Grupo Socialista reclaman prazos concretos ao goberno local para os procesos selectivos de acceso libre e promoción interna. Será unha das preguntas que formularán no pleno ordinario do mes de xaneiro “porque temos curiosidade por saber se esta é unha desas cuestións das que di a señora Sanmartín que non se ven” xa que “desde logo, é fundamental para garantir o bo funcionamento da administración, sen esquecer que está en xogo o traballo de cen persoas”.
Na actualidade só se publicaron, o 15 de setembro no BOP, as listas provisionais das persoas admitidas e excluídas aos procesos selectivos de acceso libre para os que se ofertan 59 prazas, e o 2 de outubro as listas de promoción interna que suman outras 71 prazas. Ante isto, Abal reclama transparencia e dilixencia, “que menos cando xa lles quedou preparada a maior oferta de emprego pública da historia do Concello” afirma.