Friday 22 de November de 2024

Neda consolídase como o concello coruñés de menos de 20.000 habitantes con máis horas de axuda no fogar por libre concorrencia


A aposta municipal por ese programa leva ao concello a encabezar o reparto de fondos provinciais para o financiamento dos servizos comunitarios

Neda será o municipio coruñés de menos de 20.000 habitantes que máis apoio reciba da Deputación da Coruña no 2024 para o financiamento dos seus servizos sociais comunitarios. O Concello, que se consolida como a localidade que máis horas de axuda a domicilio oferta na modalidade de libre concorrencia, percibirá un total de 223.400 euros.
Máis do 87 % destes fondos provinciais, importantes para garantir o funcionamento dos Servizos Sociais, destinarase ao pago de persoal do SAF. A este servizo, asígnanse un total de 194.400 euros, polas 16.200 horas de atención concedidas por libre concorrencia. Unha cifra que dá idea da importancia que o goberno local outorga a este recurso socio asistencial que beneficia fundamentalmente aos maiores da vila.
Así, Neda encabeza, a lista das 81 entidades locais de menos de 20.000 habitantes da Coruña que máis horas de atención presta aos veciños/as con problemas de autonomía persoal que non teñen aínda recoñecida a situación de dependencia ou que, aínda téndoa, non teñen recoñecido o dereito de acceso efectivo ao servizo. Séguena, a distancia, Malpica de Bergantiños (12.796 horas), Carral (10.800 horas) e As Pontes (10.300 horas).
En paralelo, os fondos provinciais do programa de servizos comunitarios, que a Deputación ven de resolver provisionalmente, parte do coste doutros gastos de persoal. Así, destinaranse 18.000 euros a salarios de persoal administrativo e 11.000 euros a persoal técnico dos Servizos Sociais Municipais.