Friday 22 de November de 2024

Rematadas as obras de pavimentación de rúas interiores nos lugares de Vivente (Ardaña) e Arnados (Razo)


O alcalde e os concelleiros de Servizos e Participación Veciñal realizaron un percorrido polas vías, executadas con fondos Agader

O Concello de Carballo vén de rematar as obras de mellora de varias vías interiores nos lugares de Vivente (Ardaña) e Arnados (Razo), executadas pola empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 101.336 euros.

As actuacións, financiadas con fondos Agader, non só permitiron renovar a pavimentación das vías cun firme máis axeitado á súa situación e ao tráfico que soportan, senón tamén mellorar a drenaxe, reforzar noiros de contención, adecuar as zonas de paso de cursos fluviais, colocar sinalización e mellorar tanto a seguridade viaria coma a integración ambiental dos camiños.

O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Servizos e Participación Veciñal, Miguel Vales e Daniel Pérez, fixeron un percorrido polas renovadas vías e tiveron a ocasión de comprobar a boa acollida que tiveron as obras entre a veciñanza. En Arnados, a actuación consistiu na pavimentación con formigón do viario interior do núcleo. En total, 350 metros de lonxitude. En Vivente mellorouse a pista de acceso ao núcleo desde a estrada provincial Carballo-Portomouro, nunha lonxitude de 150 metros.