Friday 22 de November de 2024

A Xunta retirou das praias galegas 3.560 quilos de pellets e preto de 11.800 quilos doutros plásticos


O dispositivo despregado polo Executivo autonómico por terra traballa hoxe en 38 areais de 21 concellos

O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento 3.560 quilos deste material, o equivalente a algo máis de 142 sacos. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais preto de 11.800 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.

No día de onte, o persoal mobilizado polo Executivo galego sacou das praias algo máis de 16 quilos de pellets, o equivalente a algo máis de medio saco deste material, así como 593 quilos doutro lixo que pode depositarse no contedor amarelo.

A maiores, desde o inicio do operativo os efectivos da Xunta contabilizaron a recollida doutros 1.272 quilos de pellets, o equivalente a preto de 51 sacos, froito do labor dalgúns voluntarios -que entregaron a pé de praia as cantidades obtidas ao finalizar as súas xornadas de traballo- ou dos sacos recuperados enteiros ou case cheos polos concellos e que foron retirados nos últimos días pola Administración galega para o seu traslado a un punto de almacenaxe.

No día de hoxe o operativo de vixilancia, detección e limpeza nos areais está a traballar en 38 praias pertencentes a 21 concellos.

Neste sentido, os técnicos do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) reuniranse esta tarde para analizar o traballo realizado ata o momento, avaliar a situación actual e determinar os seguintes pasos a dar na xestión deste episodio.