Sunday 22 de December de 2024

Aberto prazo de presentación de propostas para a primeira edición de Nocturnia 2024 Colectivos, asociacións e particulares poderán achegar as súas ideas ata o 2 de febreiro


As mellores propostas incorporaranse á programación de outono desta iniciativa de lecer xuvenil alternativo

O Concello abriu o prazo para achegar propostas de actividades para conformar a programación da primeira edición de Nocturnia deste ano. Ata o 2 de febreiro, calquera particular, asociación, club ou colectivo informal poderá enviar as súas ideas a través da páxina web de Mocidade. As propostas poden abarcar actividades deportivas, de lecer, artísticas, ambientais, culturais e calquera outras que poidan ser interesantes para sumalas ao programa Nocturnia, a iniciativa de lecer alternativo para mozas e mozos de 12 a 30 anos que impulsa o Concello a través da Concellaría de Igualdade, Benestar, Mocidade e Participación.

O correo electrónico para enviar as propostas é nocturniacoruna@gmail.com e toda a información pode atoparse na páxina web de Mocidade do Concello e nos seus RRSS.
“Nocturnia, do mesmo xeito que o Remanso e as naves do Metrosidero, parte da mesmaaposta innovadora en canto ás políticas municipais para a mocidade desenvolvida polo Gobierno de Inés Rey: que sexan os propios mozos e mozas as que definan que queren facer e que o Concello cumpra unha función de acompañamento na organización e de cesión dos espazos”, explica a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira. “Isto fai que a programación sexa máis dinámica e adaptada aos seus gustos, xera responsabilidade no uso dos espazos e fomenta a participación cidadá”, agrega.

Nocturnia conta con dúas edicións ao ano. En 2023 ofertáronse máis de 2000 prazas e case 200 actividades. As actividades máis demandadas son as deportivas (surf, escalada e skate), as rutas (O Courel, Ribeira Sacra, Doniños e Corrubedo), as artísticas (teatro e maquillaxe teatral) e os traballos manuais (lettering, encadernación).

As actividades de Nocturnia son gratuítas. Tan só hai que inscribirse entre o martes e o xoves dos meses nos que hai programación. As actividades teñen lugar os venres e os sábados.