Saturday 16 de November de 2024

Boqueixón aprobará mañá mércores os orzamentos máis ambiciosos da súa historia


Ascenden a máis de 5,9 millóns de euros, un 40% máis ca en 2023, e destinan unha terceira parte a investimentos

O Pleno do Concello de Boqueixón aprobará mañá mércores o orzamento de 2024, que ascende a 5.902.058,67 euros. Este importe supón un incremento de 1.684.589,53 euros con respecto ao orzamento de 2023, un 39,94%.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, salienta que “se trata duns orzamentos investidores, que reforzan os servizos sociais que se prestan aos veciños e veciñas e que non recollen ningunha suba de impostos”. Así, entre as principais inversións recollidas nos orzamentos de 2024 figuran os 1,7 millóns de euros para o cambio a LED de todas as luminarias do municipio, un plan de obras de 270.000 euros para melloras en estradas municipais, o acondicionamento de todos os parques infantís do concello e o inicio das obras de saneamento naquelas aldeas que o teñen pendente.

“No eido social reforzaremos os programas de atención de axuda a domicilio e escola infantil municipal, así como os programas de conciliación: madrugadores, inglés, tardes educativas e de lecer e os programas de conciliación de Entroido, Semana santa, Verán e Nadal”, apunta Ovidio Rodeiro, quen adianta tamén que “neste 2024 seguirá habendo axudas á natalidade así como subvencións para o tecido asociativo”.

Sen suba de impostos

Os orzamentos de 2024 non recollen ningún tipo de suba de impostos, máis aló da actualización de acordo ao IPC do último exercicio das taxas municipais, que se aprobarán na sesión plenaria de mañá mércores. Porén, manteranse inalterables as licenzas de obra e o recibo de vehículos.

Ademais, Ovidio Rodeiro destacou que “este equipo de Goberno ten en carteira importantes inversións que non van recollidas neste orzamento, xa que están pendentes de ser co-financiadas por outras administracións, polo que esperamos acadar unha cifra en investimentos moi por encima dos 2,5 millóns de euros ao final do exercicio”.