Os recursos turísticos da Pobra do Caramiñal xa poden consultarse en inglés coa edición da guía nesta lingua motivada pola alta afluencia de visitantes estranxeiros. A concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, explica que se reforza así a edición en galego e castelán desta ferramenta, ademais de que era un dos obxectivos marcados no pasado mes de xuño cando se acadou o distintivo SICTED (Sistema Integral de Calidad Turística en Destino) para a oficina do Turismo. Remitirase a feiras nacionais e internacionais e repartirase na dita oficina, situada na Casa Mariñeira do parque do Castelo.
Esta guía segue un formato visual con mapas e instantáneas de distintas zonas do municipio que se complementan con pequenas reportaxes que, sen perde-lo seu compoñente descritivo, resultan de lectura dinámica, segundo precisa Sara Sánchez, unha das técnicas municipais do Turismo. Así, calquera persoa pode consultar en papel todo canto ofrece a localidade a nivel de enclaves turísticos, natureza, patrimonio, cultura, rutas e ocio.
A necesidade da edición no inglés tamén se fundamenta en que no pasado ano se recibiron na Pobra máis dun cento de visitantes que utilizaban a lingua inglesa para comunicarse, tal e como apunta Ángeles Tubío, outra das técnicas municipais desta área. A procedencia destas persoas era Reino Unido, Suecia, Dinamarca, Malta ou Estados Unidos. Bibiana Santiso Naveira foi a profesional encargada de face-la interpretación adaptada do texto orixinal. Ao contido reflexado na guía tamén se pode acceder a través da páxina web https://turismo.apobra.gal/, coa opción, a maiores, en francés. De feito, un dos obxectivos marcados pola Concellaría do Turismo é adapta-lo ao público francófono.