— Ángeles Vázquez expuxo aos representantes de Corporación Hijos de Rivera os obxectivos da guía galega para a integración de terrazas nos espazos públicos, que busca mellorar a adecuación destes equipamentos aos lugares nos que se emprazan
— O Executivo galego está a analizar cos profesionais e empresas vencelladas co sector hostaleiro o xeito de lograr unha maior homoxeneización no deseño, que sexan máis fáciles de retirar e que non obstaculicen a circulación peonil, entre outras cuestións
A Xunta de Galicia avanza na definición e elaboración da Guía para a integración de terrazas na contorna e nos espazos públicos mediante a consulta e escoita aos profesionais e empresas vencelladas co sector hostaleiro. Con este obxectivo, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro con representantes de Corporación Hijos de Rivera para coñecer as súas impresións sobre este documento que ten como finalidade acadar certa homoxeneidade na instalación destes elementos e mellorar a súa integración na contorna.
A representante do Executivo galego expuxo aos responsables da principal empresa distribuidora de bebidas da comunidade -coñecida nacional e internacionalmente pola marca Estrella Galicia- que a guía sobre as terrazas pretende ofrecer solucións prácticas e recomendacións coas que promover unha mellor adecuación destes equipamentos aos lugares nos que están emprazados.
Neste sentido, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, salientou a importancia tanto de acadar unha harmonía no deseño das distintas partes dunha terraza -o mobiliario, toldos, paneis ou rótulos, entre outros- como de ter en conta a ocupación do espazo. Neste sentido, buscarase reducir obstáculos e minimizar a afección á circulación peonil, das persoas con discapacidade visual ou con mobilidade reducida así como liberar os accesos a portais e locais comerciais próximos.
Por este motivo, a Xunta promoverá un mobiliario que non ocupe máis espazo do preciso, que sexa lixeiro e pregable e de cores neutras, algo que tamén se busca coas antucas e toldos ao tempo que se apostará por deseños sinxelos e funcionais que poidan ser retirados facilmente cando non sexan necesarios.
A maiores teranse en conta cuestións como o seu emprazamento, especialmente en contornas de gran valor, como centros históricos, prazas, rúas ou soportais, terrazas de barrio ou espazos naturais. Nesta liña, buscarase que as terrazas sexan un complemento á arquitectura e que teñan un tratamento específico naqueles casos nos que estean localizadas en parques, xardíns, espazos naturais e praias.
O encontro do Executivo galego cos responsables de Corporación Hijos de Rivera é un máis dos contactos que está a ter e vai seguir tendo nas vindeiras semanas coas partes implicadas co obxectivo de definir todos os criterios a seguir para acadar a integración paisaxística das terrazas na contorna. De feito, a comunidade contará así cunha nova ferramenta -prevista na Lei de protección da paisaxe de Galicia- que contribuirá a protexer os valores paisaxísticos e que este tipo de elementos estean o máis equilibrados posible co resto de espazos nos que se integran.
Esta guía formará parte da Colección Paisaxe Galega, que conta na actualidade con 15 volumes relacionados coa integración paisaxística e boas prácticas en distintos eidos como os núcleos rurais, espazos urbanos, miradoiros ou os emprazamentos publicitarios.