Friday 22 de November de 2024

O Concello presenta o plan de actuación para mellorar a mobilidade e a integración urbana do CHUS


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e os concelleiros de Mobilidade, Xan Duro, e de Urbanismo, Iago Lestegás, deron conta esta mañá das actuacións incluídas na proposta de colaboración remitida desde o Concello de Santiago á Xunta co obxectivo de mellorar a mobilidade e a integración urbana do CHUS. Ambas administracións manterán unha xuntanza o vindeiro martes 30 de xaneiro ás 10:00 horas no Pazo de Raxoi para debater os detalles das actuacións.

Goretti Sanmartín explicou que a proposta remitida polo Concello ás consellarías de Sanidade e de Infraestruturas e Mobilidade, pretende “resolver un problema complexo que é un dos asuntos de especial relevancia en Santiago” e atopar “as fórmulas de colaboración para traballar por un horizonte común en beneficio da veciñanza”.

Segundo indicou a rexedora, a proposta recolle unha serie de “actuacións serias, rigorosas e viables relativas ao estacionamento, mellora de accesos e integración urbana” que son “froito dunha reflexión realizada nas últimas semanas entre distintos departamentos municipais” e coas que se busca encaixar “as necesidades do complexo hospitalario co conxunto da cidade e a resolución satisfactoria dos fluxos de tránsito e a calidade da contorna”.

Para a alcaldesa, o obxectivo é pór sobre a mesa “solucións a curto prazo, necesarias e urxentes, pero tamén outras a medio e longo prazo” a través dun consenso entre as administración sobre “o que hai que facer”, sen entrar en debates “sobre quen se fai cargo dos custos” e reafirmou a vontade do Concello de “colaborar nunha solución xusta para a veciñanza compostelá”.

Melloras no servizo de transporte

Pola súa banda, o concelleiro de Mobilidade deu conta das propostas incluídas no documento remitido á Xunta en materia de aparcamento e transporte colectivo. No que ten que ver co autobús, Xan Duro explicou que “os pregos nos que estamos traballando para a licitación do servizo contemplan importantes melloras na conectividade co Hospital Clínico, que pasan polo incremento de frecuencias de varias das liñas que prestan servizo ao CHUS como a C4, a C2, ou as liñas 1 e 4”. Ademais, apuntou, crearase unha nova liña que prestará servizo desde o límite urbano co Milladoiro ao límite con Sigüeiro, cunha frecuencia de 30 minutos, “que non só beneficiará á veciñanza de Santiago senón que tamén facilitará o traslado de residentes de Ames e Oroso ao CHUS en transporte público”. Outras das novidades do contrato serán a creación dunha liña nocturna circular desde San Caetano, que pasará pola zona hospitalaria; melloras na accesiblidade para as persoas con mobilidade reducida; ou un sistema de información máis moderno e fiable. Xan Duro mostrouse convencido de que estas melloras suporán “un incremento do número de usuarios, que a día de hoxe se sitúa nunha media de 11.800 persoas diarias”.

O concelleiro de Mobilidade explicou que, para complementar as actuacións municipais, “o que o Concello lle pide á Xunta en materia de transporte colectivo é que atenda ao que sinala o estudo de Mobilidade que encargou e que vai en dúas direccións: reforzar o transporte metropolitano e poñer en marcha un Plan de Transporte ao Traballo para racionalizar os desprazamentos do persoal do Sergas”. Neste sentido, Xan Duro lembrou que, segundo ese informe da Xunta, “a primeira hora da mañá, máis do 70% das prazas do aparcamento do Clínico están ocupadas polo persoal do hospital, que conta con máis de 4.000 traballadores e traballadoras e que polo tanto supera amplamente os 400 que a Lei de Economía Sostible fixa como ratio para esixirlle ás empresas este tipo de medidas”.

Medidas en materia de aparcamento

Xan Duro apuntou que “este Plan de Transporte ao Traballo é unha medida prioritaria para paliar os problemas de aparcamento, que xa vimos como se agravaron nestas semanas co inicio das obras de ampliación do hospital”. O concelleiro reiterou a necesidade de que, ademais, a Xunta aborde a construción do novo estacionamento, “para o que segue vixente a cesión da parcela situada ao carón do CIMUS”.

O concelleiro advertiu que “as administracións debemos dar unha resposta urxente a un problema que xa tiñamos e que se agravou nestas semanas, e iso supón buscar medidas provisionais mentres non se resolva a construción do parking”. Nese sentido, Xan Duro pediulle á Xunta que estude o acondicionamento provisional da parcela do CIMUS, “sobre todo habida conta de que o aparcamento provisional vinculado ao centro de protonterapia e que recibiu onte licenza terá finalmente 140 prazas e non as 220 que foran anunciadas e que figuran no Estudo de Mobilidade encargado pola Xunta”.

O edil de Mobilidade explicou que o Concello está disposto a estudar a ampliación provisional do aparcamento de borde de Santa Marta, que conta na actualidade con 275 prazas, que poderían chegar a 485 se se actúa nunha parcela colindante. Este estacionamento, lembrou Xan Duro, é de balde, e está conectado tanto co CHUS como co Hospital Provincial de Conxo coas liñas de autobús circulares C2 e C4.

Por último, Xan Duro avanzou que o Concello vai incorporar á ORA novas rúas situadas na contorna do CHUS, “co obxectivo de evitar o que chamamos vehículos ventosas, que son aqueles que permanecen estacionados semanas enteiras nos mesmos espazos”. A medida afectarálle á Avenida de Barcelona, rúa de Antonio Rama, rúa Manuel Caeiro, Avenida de Bilbao, rúa Sempre en Galiza, e rúa Valentín Varela Iglesias, que suman 287 prazas de estacionamento. O concelleiro apuntou que funcionarán coas tarifas xerais da ORA, pero coa posibilidade de renovar tícket cada dúas horas, “atendendo ás particularidades desa zona, porque somos conscientes de que as persoas que acoden ao hospital non sempre saben cando poden saír das súas citas”.

Mellora da Integración Urbana do CHUS

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, presentou as actuacións a medio e longo prazo recollidas na proposta para mellorar a integración urbana do CHUS “xa que está en contacto coa cidade e pode ter un efecto moi importante sobre a mobilidade”. Entre estas accións propostas, o edil destacou a mellora da xestión viaria “para racionalizar os fluxos externos e internos ao municipio”, a creación dun parque arqueolóxico do Castriño de Conxo para convertilo “nun espazo de calidade ambiental e paisaxística” e a creación dunha nova fachada urbana zona de contacto entre o CHUS e o SUD-9-10 “que organice os accesos e soporte novos edificios sanitarios”.

O edil detallou que se trata de “accións que exceden o ámbito municipal pola súa magnitude e a súa importancia económica, social, cultural e territorial, o instrumento axeitado para enmarcar a estratexia e mais as actuacións propostas é o Proxecto de Interese Autonómico (PIA)”.

Iago Lestegás aludiu aos obxectivos que se pretenden acadar con estas actuacións, entre os que destacou o de asegurar unha axeitada conectividade do CHUS “tanto para as persoas usuarias de fóra coma do propio municipio”, o de mitigar o impacto do CHUS na mobilidade urbana, facilitando o acceso das persoas a pé e en transporte público e o as prazas de aparcamento; así como o delograr unha adecuada integración urbana do complexo hospitalario a través da creación do futuro parque do Castriño de Conxo.

Iago Lestegás tamén incidiu en que a ampliación prevista do complexo hospitalario para este ano, suporá un incremento de 32.000 m2 construídos, “agravará o déficit de prazas de estacionamento e afastará máis a parcela dos estándares urbanísticos esixibles, superando amplamente os límites de edificabilidade previstos no planeamento”. Para resolver esta e outras problemáticas relacionadas, o edil puxo o foco na redifinición da zona de contacto entre o CHUS e o SUD-9-10, ao sur do Hospital, que cualificou dunha “oportunidade única” para reconverter eses espazos e mellorar así “a mobilidade, a calidade ambiental e paisaxísticas e a integración urbana”.

Mellora da rede viaria

Ao respecto das actuacións que se prevén levar a cabo para a mellora de rede viaria, a proposta recolle a mellora dos accesos desde a avenida de Xosé Filgueira Valverde, dunha banda, e desde a rúa de Cantaleta-travesa da Choupana “a través dun bulevar que permita racionalizar o tráfico e o estacionamento na entrada ao CHUS” favorecendo os desprazamentos a pé. Tamén se pretende actuar sobre o nó da Choupana para facilitar o acceso e integrar os fluxos peonís na contorna, tamén os vinculados ao Camiño Portugués e o acceso desde a avenida de Antón Fraguas para mellorar conexión entre o CHUS e os hospitais de Conxo.

Ademais, o documento recolle as accións concretas que cada unha das administracións debería asumir e desenvolver para levar a cabo o plan de actuación propostao e cuantifica en máis de 10,6 millóns a achega municipal que sería necesaria para cubir a parte que lle corresponde.

Para concluír, Iago Lestegás reiterou a vontade municipal de presentar á Xunta “unha visión a curto, longo e medio prazo para resolver os problemas asociados a un equipamento que é de carácter supramunicipal, e que por tanto esixe a colaboración entre as diferentes administracións” e recordou que a proposta é “froito dunha reflexión urbanística, territorial e de mobilidade” que se materializa en “actuacións concretas” que deberán serán debatidas a vindeira semana.