Saturday 16 de November de 2024

Os pavillóns do colexio da Solaina e Campo da Serra acollerán este sábado os “Campionatos galegos de voleibol”


O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá xunto co secretario da Federación Galega de Voleibol, Ramón Baña, e a presidenta do club Narón Volea, Eva Romero, os “Campionatos galegos de voley” que se celebrarán este sábado, día 27, no pavillón Campo da Serra e no do colexio da Solaina. A cita dará comezo ás 9:30 horas e o remate está previsto sobre as 20:00, tal e como indicaron dende a organización.
Este campionato, que se organiza por cuarto ano na cidade, reunuirá a uns 400 deportistas procedentes dunha vintena de clubs de voleibol de Galicia, segundo as previsións da Federación. Disputaranse os partidos nas categorías benxamín feminino e masculino, prebenxamín e a Copa Alevín, masculina e feminina.
“Este é un evento multitudinario, nunha modalidade deportiva na que esta cidade, Narón, sempre tivo un gran tirón”, asegurou Baña, que amosou a súa confianza en que se supere o número de participantes de anteriores edicións. “A competición terá unha primeira fase de grupos, para posteriormente os mellor clasificados de cada un xoguen polos primeiros postos en eliminatorias. Cada equipo obterá unha puntuación para o seu club según a clasificación e coa suma de todas as probas os oito mellores xogarán a final do Campionato Galego e optarán por unha praza para o Campionato de España”.
O concelleiro de Deportes, pola súa banda, destacou o feito de que este evento deportivo a nivel autonómico se convoque novamente na cidade e destacou o traballo e o gran número de deportistas con que conta actualmente o club local, o Narón Volea, felicitando á presidenta do mesmo polo labor que desenvolve tamén a directiva ao longo do ano.