Thursday 21 de November de 2024

A Xunta retirou das praias galegas 3.544 quilos de pellets e preto de 11.200 quilos doutros plásticos


O dispositivo despregado polo Executivo autonómico por terra traballa hoxe en 28 areais de 17 concellos mentres que por mar están mobilizados dous helicópteros e un total de 14 embarcacións

O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento 3.544 quilos deste material, o equivalente a 142 sacos. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais preto de 11.200 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.

No día de onte, o persoal mobilizado polo Executivo galego sacou das praias algo máis de 20 quilos de pellets, o equivalente a preto dun saco deste material, así como 352 quilos doutro lixo presente na costa que pode depositarse no contedor amarelo.

A maiores, desde o inicio do operativo os efectivos da Xunta contabilizaron a recollida doutros 1.272 quilos de pellets, o equivalente a preto de 51 sacos, froito do labor dalgúns voluntarios -que entregaron a pé de praia as cantidades obtidas ao finalizar as súas xornadas de traballo- ou dos sacos recuperados enteiros ou case cheos polos concellos e que foron retirados nos últimos días pola Administración galega para o seu traslado a un punto de almacenaxe.

O operativo de vixilancia, detección e limpeza, por terra e mar, despregado pola Xunta está integrado hoxe por arredor de 300 efectivos repartidos por 28 praias pertencentes a 17 concellos. Mentres, por mar o Servizo de Gardacostas continúa a facer un seguimento da situación mantendo activos os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte (o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia) así como dez patrulleiras de menores dimensións. No día de hoxe o Goberno central aporta dúas aeronaves.

Cómpre precisar que os medios aéreos e marítimos poden ver condicionada a súa actuación polas condicións meteorolóxicas e pola necesidade de atender outras obrigas como o apoio aos máis de 4.000 buques pesqueiros e arredor de 1.300 barcos bateeiros da comunidade, o salvamento ou a vixilancia e control da frota.