As familias do municipio teñen tres meses dende a alta censal do menor para pedir a subvención de apoio á natalidade
O Concello de Neda dá continuidade neste 2024 ao programa de axudas á natalidade, dirixido ás familias que inscriban no padrón municipal aos seus fillos/as recén nacidos ou adoptados. Trátase dunha subvención de pago único por importe de 300 euros ou de 600 euros, no caso de menores con discapacidade.
A medida enmárcase dentro do obxectivo municipal de fomentar o empadroamento, colaborando cos proxenitores nos abundantes gastos aos que cómpre afrontar durante os primeiros meses de vida dos bebés.
Para poder optar a este pequeno apoio económico, tal e como apuntan dende o Concello, os pais/nais deberán estar empadroados na localidade cunha antigüidade mínima de seis meses. Terán ademais que presentar a solicitude no prazo máximo de tres meses tras a alta censal do menor.
Por último, será imprescindible que as persoas beneficiarias asinen un compromiso de manter o empadroamento en Neda durante un período mínimo de catro anos, contribuíndo así a fixar poboación no municipio.
Ao longo do pasado ano, segundo os datos facilitados polo departamento de Servizos Sociais, encargado de tramitar as solicitudes, concedéronse axudas a un total de 13 familias nedenses.