Saturday 16 de November de 2024

O BNG propón destinar os fondos da Deputación para mellorar a seguridade viaria no Burgo e no Portádego


Os nacionalistas trasladaron ao goberno municipal propostas para a solicitude de fondos á Deputación a través do programa POS+.

Trátase de melloras na seguridade viaria na avenida de Almeiras e na conexión entre a N-550 e a rúa Alcalde Electo Carballo.

A proposta inclúe completar ao 100% a rede de saneamento.

A execución das melloras en seguridade viaria que levan pendentes varios anos, como son a conversión en rotondas dos cruces da avenida de Almeiras coa rúa Pablo Picasso (no Burgo), por un lado, e por outro, o da estrada N-550 coa rúa Alcalde Electo Carballo, ao seu paso polo Portádego son as propostas do BNG de Culleredo para a convocatoria de fondos POS+ da Deputación da Coruña neste ano 2024, cuxo prazo de solicitude remata o 9 de febreiro.

O cruce da avenida de Almeiras coa rúa Pablo Picasso do Burgo é un punto no que se producen accidentes recurrentemente. Trátase dun dos principais accesos ao Burgo, en sentido A Coruña e soporta unha gran cantidade de tráfico rodado cada día. Actualmente está regulado por unha semirrotonda, cruzada no medio pola estrada AC-213 (O Burgo – A Telva). O Concello de Culleredo asumiu a titularidade desta vía en 2017, e xa daquela se debatía o proxecto dunha rotonda neste punto.

A intersección do Portádego, entre a N-550 e a rúa Alcalde Electo Carballo é outro punto crítico de tráfico, entre Culleredo e a cidade da Coruña. En 2018, Riobóo xa anunciara a conversión do cruce en glorieta para incrementar a seguridade viaria na zona. Un ano antes, o Concello de Culleredo recibira a titularidade da estrada dentro dos límites municipais.

Ademais, o BNG tamén solicita completar a rede de saneamento municipal para dar servizo ao 100% da poboación de Culleredo, algo xa urxente en pleno século XXI. Aínda quedan pendentes zonas das parroquias do rural, como Veiga, Orro, Sésamo, Castelo…

Entre as ideas achegadas polo BNG de Culleredo ao goberno municipal para o destino dos fondos provinciais tamén se inclúe dar remate as rúas María Cagiao e Xosé Neira Vilas, así como dotar as zonas urbanas de Vilaboa e O Burgo de máis aparcadoiros públicos, previstas no anexo de investimentos do orzamento do pasado ano 2023 e que seguen pendentes de execución.