• As inscricións poden formalizarse na Casa do Concello do 22 de xaneiro ao 8 de febreiro
• As votacións realizaranse a partir da publicación das imaxes, o día 9 de febreiro
• A resolución do certame farase pública o 19 de febreiro, día no que se entregarán os diplomas e o agasallo conmemorativo ao local que máis votos reciba
O Concello de Laxe pon en marcha unha nova edición do seu concurso de ‘Escaparates entroideiros’, que vai xa pola súa cuarta edición. Ademais, este ano impulsarase por primeira vez o certame de ‘Escaparates namoradeiros’ para celebrar o día de San Valentín. O obxecto destes concursos é o de valorar, recoñecer e premiar a mellor decoración dos escaparates dos comercios e dos locais da hostalaría que desexen participar.
O xurado estará composto pola veciñanza, que poderá votar a través da conta de Facebook do Concello, dando “me gusta” ou “me encanta” no seu escaparate favorito, e a través do servizo municipal de mensaxería de WhatsApp “Novas Laxe” (657 771 006).
Os comercios e locais de hostalaría que desexen participar poderán inscribirse no concurso a partir deste luns, 22 de xaneiro. Terán a oportunidade de facelo ata o día 8 de febreiro, entregando a folla de inscrición na Casa do Concello.
As votacións realizaranse, a través das dúas canles habilitadas, a partir da publicación das imaxes o día 9 de febreiro. Poderase facer ata o venres 16 de febreiro.
Será o luns 19 de febreiro cando se dea a coñecer o establecemento gañador. Este mesmo día faráselle entrega do diploma acreditativo como gañador.
Desde o Concello de Laxe animan a todos os establecementos comerciais e hostaleiros do municipio a participar nestas campañas e mostrar o seu lado máis divertido e amoroso.