Saturday 23 de November de 2024

A Xunta destina 250.000 euros a axudas para a realización de actividades extraescolares por parte das ANPAS galegas


As actividades teñen que estar dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e educación especial e contribuír á conciliación da vida familiar e laboral

O DOG publica a convocatoria de axudas destinadas á realización de programas de actividades complementarias e extraescolares por parte das asociacións de nais e pais de alumnos/as (ANPAS) dos centros educativos galegos.

Estas actividades deben estar dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial e ter como fin contribuír á conciliación da vida persoal, familiar e laboral durante o curso escolar 2015/2016.

O importe das axudas é de 250.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. Poderán ser beneficiarias as ANPAS dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os programas de actividades que se poderán subvencionar deberán cumprir os seguintes requisitos: contribuír ao desenvolvemento integral do alumnado, reforzando os valores igualitarios, libres de prexuízos e de estereotipos sexistas, así como a concienciación contra a violencia de xénero; levarse a cabo nas dependencias do centro, en horario continuado de luns a venres e fóra do horario lectivo.

Ademais, as actividades deberán centrarse en aspectos lúdicos, artísticos, culturais, tecnolóxicos e/ou deportivos e estar dirixidas obrigatoriamente a un mínimo de 10 alumnas/os, agás naqueles casos debidamente xustificados, nos que polas características do contexto ou do centro docente, sexa imposible acadar o mínimo establecido.

Cada asociación de nais e pais só poderá presentar unha única solicitude ao abeiro desta convocatoria. A contía máxima da axuda que se pode conceder é de 6.000 euros.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 31 de xaneiro de 2016.