Friday 22 de November de 2024

A Xunta salienta o papel do comité científico asesor en materia de plásticos para crear sinerxías que sitúen a Galicia como referente neste eido


— Ángeles Vázquez agradece a súa implicación aos 16 expertos e profesionais ligados ao medio ambiente e ao mar que integran inicialmente o novo organismo e ofrece compartir co resto de comunidades os resultados e conclusións do seu traballo

— Desde a posta en marcha do operativo de limpeza na costa polo incidente do buque Toconao, retiráronse das praias 3.313 kg de pellets e 8.926 kg doutros plásticos

O comité científico que asesorará á Xunta para avaliar o impacto da chegada de pellets á costa galega e a situación dos plásticos mariños en xeral celebrou hoxe a súa primeira reunión de traballo co obxectivo de unir esforzos desde distintos eidos e crear sinerxías que sitúen a Galicia como un referente na loita contra este tipo de contaminación.

Así o salientou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen compareceu ante os medios acompañada pola directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, antes de saudar aos membros do comité, reunidos na sede do Intecmar, en Vilagarcía de Arousa.
Tras agradecer a implicación e o compromiso dos 16 membros que conforman inicialmente este órgano e recordar que poderá sumar novas incorporacións en función das necesidades, Ángeles Vázquez puxo en valor a importancia de que a Comunidade poida contar cun comité de asesoramento técnico e científico en relación ao problema dos plásticos e dos microplásticos mariños.
“Galicia unha vez máis non quere ser un problema senón que quere ser unha solución”, declarou a vicepresidenta, quen subliñou a necesidade de traballar na busca desas “solucións” a través de “voces con experiencia e criterio”, dixo, como as dos expertos que forman parte do novo órgano asesor.
En concreto, no comité científico figuran catedráticos e profesores titulares das tres universidades galegas, responsables de centros de investigación relacionados co medio mariño e de organismos estatais e autonómicos como o Instituto español de Oceanografía (IEO), o Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Intecmar, o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) ou o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, e de entidades de referencia como a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (CEMMA).
A misión deste comité científico de expertos —que dependerá do Intecmar— será avaliar as actuacións necesarias, a medio e longo prazo, derivadas dos impactos dos plásticos no mar e nas costas de Galicia. Concretamente e entre outras cuestións, encargarase de elaborar un programa a curto, medio e longo prazo dos efectos dos plásticos; analizar a toxicidade deste material nos ecosistemas mariños, con especial atención á fauna mariña e á avifauna costeira; e valorar as boas prácticas e as regulamentacións necesarias para prever posibles verteduras plásticas.
Por iso, a vicepresidenta incidiu en que este comité será o encargado de definir as liñas de traballo a seguir para ir avanzando na proposta de solucións ante o problema global dos plásticos mariños e cuxos resultados puxo á disposición do resto de comunidades autónomas. “É un paso moi importante o que demos hoxe”, incidiu Ángeles Vázquez, que engadiu que a intención da Xunta é compartir os estudos que se fagan no marco do comité científico co resto de comunidades, co Ministerio e con Europa.
Balance operativo por terra e mar
Polo que respecta ao dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets do mercante Toconao, a vicepresidenta indicou que ata o momento xa se recuperaron 3.313 quilos deste material, o equivalente 132 sacos, e tamén se retiraron 8.926 quilos doutros plásticos. No día de onte o persoal mobilizado polo Executivo galego sacou das praias 181 quilos de pellets, así como 1.227 quilos doutros materiais plásticos que poden depositarse no contedor amarelo.
Neste sentido, detallou que o operativo de vixilancia, detección e limpeza da Xunta, por terra e mar, está integrado hoxe por uns 400 efectivos repartidos por 56 praias de 30 concellos. Ademais, tamén inspeccionarán 31 areais de Ribeira a petición do propio concello e en aplicación do protocolo de colaboración aprobado no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal).
Ademais, o Servizo de Gardacostas continúa a facer un seguimento da situación mantendo activos os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte (o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia) así como seis patrulleiras de menores dimensións. A este operativo engádese o avión de Salvamento Marítimo do Estado Rosalía de Castro e o helicóptero Helimer 401.