O parque infantil do Campo-A Angustia loce aspecto renovado trala intervención realizada pola Concellaría dos Servizos Municipais da Pobra do Caramiñal a finais de 2023.
As tarefas consistiron na substitución das anteriores lousas de caucho pola extensión de novo polímero antiesvarante en dúas cores, na reparación do peche perimetral, no arranxo de mobiliario urbano e na subministración de infraestruturas de xogos: unha randeeira mixta e un equipo combinado. A maiores, acondicionáronse os elementos que conforman a zona biosaudable contigua.
Trátase dunha actuación focalizada, segundo explica a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, na mellora dos espazos de lecer destinados ás crianzas; neste caso, situado nas inmediacións da escola infantil do lugar para o desfrute tamén dos/as escolares, o cal se complementa coa acción de mantemento do parque biosaudable para contribuír ao envellecemento activo das persoas maiores.
O investimento ascendeu aos 21 730’18 euros, IVE incluído, a cargo do remanente da Tesouraría, e a empresa Jardinería Arce S.L. realizou o conxunto dos traballos.